Notas de prensa

Elefante Elegante estrea a obra infantil A danza da choiva, sobre o cambio climático

A montaxe estréase en Cerceda coa función programada no Auditorio Municipal da localidade coruñesa. A compañía de María Torres e Gonçalo Guerreiro culmina dous meses de residencia artística neste espazo e unha campaña escolar para o alumnado do concello.A danza da choiva divulga os efectos do cambio climático.

O Auditorio Municipal de Cerceda acolle o sábado 16 de abril, ás 18.00 horas, a estrea de A danza da choiva, o novo espectáculo para público infantil e familiar da compañía Elefante Elegante. A montaxe, subvencionada pola Xunta de Galicia a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica, emprega unha linguaxe visual, corporal e estética para abordar os efectos do cambio climático.

Jacobo Sutil, director da Agadic; Begoña Rodríguez Rumbo, concelleira de Cultura de Cerceda, e María Torres e Gonçalo Guerreiro, actores e codirectores da compañía e do espectáculo, presentaron hoxe esta estrea, coa que Elefante Elegante culmina unha estadía artística de dous meses no Auditorio Municipal desta localidade coruñesa e unha campaña escolar durante a que representaron esta montaxe diante do alumnado de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria do concello cercedense.

Na súa intervención, o director da Agadic incidiu nos bos resultados deste tipo de colaboracións, que favorecen o proceso de produción dos espectáculos escénicos, ao tempo que permiten testar e mellorar o traballo antes de comezar o seu percorrido polos escenarios.

En canto á traxectoria de Elefante Elegante, Jacobo Sutil definiuna como unha das máis consolidadas no recente panorama escénico galego a través das coidadas propostas que integran o seu repertorio, tanto para público adulto como infantil, e das que aínda temos a oportunidade de seguir gozando sobre as táboas. ‘Kassa’, ‘Aurora’, ‘Nuncabunga’ ou ‘Iliria’ son algúns dos seus títulos máis destacados, aos que agora se suma ‘A danza da choiva’.

Mensaxe social e coidada posta en escena

En palabras do responsable da Agadic, este novo espectáculo reúne moitos elementos para acadar unha boa acollida entre o público. Neste caso, a mensaxe social e cívica sobre como o cambio climático está a transformar a realidade das persoas en moi diferentes lugares do planeta supón un valor engadido á coidada posta en escena coa que Elefante Elegante asina todos os seus traballo deste a súa fundación en 2007. Trátase de espectáculos de teatro visual, sinxeleza narrativa e interpretacións totais nas que priman o xesto e o movemento escénico.

María Torres e Gonçalo Guerreiro son os autores, directores e intérpretes de ‘A danza da choivaÂ’, para a que contan coa música de Mano Panforreteiro, as coreografías de Ãnxela Blanco, o vestiario de Marcia Atelier Efímero, as marionetas de Os Monicreques de Kukas e a iluminación de Dani Pais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-04-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES