Notas de prensa

Gelria ponlles música aos versos de 14 poetas para percorrer no seu primeiro álbum a historia da poesía galega

Elena Tarrats, Mario G. Cortizo e Federico Mosquera presentan Cantos de poeta, libro-disco no que musican os versos de autores como Curros, Rosalía, Celso Emilio, Manuel Antonio ou Chus Pato O disco, que sairá á venda o próximo sábado 23 de abril, inclúe o tema ‘Zocas’, con texto de Manuel María.

Gelria lanzará á venda o 23 de abril o seu primeiro traballo discográfico. Baixo o título Cantos de poeta, o álbum percorrerá a historia da poesía galega contemporánea, dende o Rexurdimento até a actualidade a través dos versos de catorce poetas aos que lles poñerán música. A banda –creada en 2014 por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano)- estréase así no mercado discográfico cun proxecto que se presenta nun coidado formato de libro-disco acompañado de fotografías e ilustracións e no que, ademais, se incluirán as letras dos diferentes temas en galego, portugués, castelán e inglés.

Cantos de poeta recolle un total de catorce poemas cuxa selección busca trazar un itinerario musical das diferentes etapas da poesía galega contemporánea, ademais de achegar unha radiografía -a través da música e dos versos- do imaxinario colectivo galego. Así, a antoloxía poética escollida por Gelria reúne voces, palabras e nomes; mais tamén paisaxes, sensibilidades e inquedanzas que conforman a nosa identidade. A escolla desta escolma poética responde, polo tanto, á intención de trazar unha sorte de coordenadas polas que transita o imaxinario colectivo propio.

De Curros a Chus Pato

Cantos de poeta é un disco ecléctico que posúe resonancias de diferentes estilos e xéneros -dende a música tradicional á contemporánea, pasando polo jazz- que propón un percorrido polas diferentes etapas da nosa historia poética.

O camiño proposto por Gelria principia na época do Rexurdimento (poñéndolle música a Rosalía de Castro – Castellanos de Castilla- e Curros Enríquez –A nena na fonte-), e continúa aproximándose á lírica de vangardas (con poemas como Amenceu Bico ou onda o mar, de Ãlvaro Cunqueiro; Sós, de Manuel Antonio, ou Canzón para que un neno non durma, de Luís Pimentel) e á poesía de posguerra (versionando Eu quero oír o teu silencio, de Aquilino Iglesias Alvariño, ou Longa noite de pedra, de Celso Emilio).

A antoloxía tamén se achega ao grupo Brais Pinto (Cantiga do amante preso, de Xosé Luis Méndez Ferrín ou O gato da tasca Mariñeira, de Bernardino Graña) e a poesía do autor de referencia das Irmandades da Fala, Ramón Cabanillas a través do seu poema Acción Gallega, prestándolle tamén a atención a poetas da Xeración dos 50 como son Luz Pozo Garza, co seu poema Far Blues; ao poeta da Terra Cha, Manuel María, a quen se lle dedica ás Letras Galegas deste 2016, co poema Zocas, e ao seu compañeiro de xeración Uxío Novoneyra, de quen se musica Cousos do lobo. O periplo remata cun Unha luz que se afasta e se nos dirixe, poema de 2013 Chus Pato, unha das voces poéticas de maior peso no panorama da lírica actual.

Disco sen maquillaxes

Cantos de poeta preséntanos a visión musical de Gelria destes autores, achegándonos composicións propias inspiradas no espírito dos versos, dos autores e das épocas, respectando o máximo tanto o texto orixinal coma o seu ritmo e procurando sempre que a música sexa quen se adapte a natureza de cada un dos textos.

A este coidado especial á hora de compoñer a música cómpre unirlle o proceso de elaboración, xa que estamos a falar dun disco de produción propia gravado integramente en directo, coa participación dunha longa nómina de colaboradores que participaron activamente no proxecto e sen modificacións nin alteracións na postprodución, o cal lle outorga o disco un son orgánico e natural, tal como foi concibido e interpretado.

O proceso de gravación desenvolveuse co equipamento da Radio Galega baixo a dirección de Pablo Barreiro e nel participaron os músicos Xosé Lois Romero (acordeón e percusión), Pablo Pérez (contrabaixo), Rubén Fernández (voz), Mariana Montero, María Montero e Alejandra Montero (voz e pandeireta, miembros de Lilaina), Benxamín Otero (oboe e corno inglés), Cibrán Seixo (violín), Paula Santos (viola), Rosalía Vázquez (violoncello), Roberto Bao (percusión), Isabel Diego (percusión) e Ana Gayoso (percusión). As traducións dos textos correron a cargo de Erin Moure, Carlos Quiroga e Rosario Souto, filóloga que apoiou a Gelria na escolla dos textos.

Alberto Ramos, 2016-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES