Notas de prensa

A Cidade da Cultura, sede do evento máis importante do emprendemento universitario de Iberoamérica

O Gaiás acolle a finais de setembro o Spin 2016, no que participarán 100 universidades de España, Portugal e América Latina, asistirán 2.000 persoas de 20 países diferentes e no que 150 proxectos empresariais e startups recibirán apoio. O evento incorpora premios por valor de 100.000 euros. Inclúe o foro SmartMoney4Stars con fondos de capital risco e business angels.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou que a Cidade da Cultura de Galicia será a sede de Spin 2016, o evento de emprendemento universitario máis importante do mundo Iberoamericano, no que participarán un centenar de universidades de España, Portugal e América Latina e no que se distribuirán premios por valor de 100.000 euros.

Spin 2016 reunirá no Gaiás do 29 de setembro ao 1 outubro a 2.000 persoas procedentes de 20 países diferentes, entre estudantes, investigadores, inversores, empresarios e académicos. Neste evento, co que a Cidade da Cultura e o seu Centro de Emprendemento se situarán como un referente no mapa internacional do emprendemento, un total de 150 proxectos empresariais innovadores e startups recibirán apoio directo. Serán tres días de intensa actividade, destinados á cultura emprendedora, coa participación de 200 empresas, 50 speakers e 12 talleres.

A presentación de Spin 2016 tivo lugar esta mañá nun acto no Gaiás no que o conselleiro de Educación estivo acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; os reitores galegos, Juan Viaño Rey (Santiago), Salustiano Mato (Vigo) e Julio Abalde (A Coruña); polo pró-reitor para Inovação e Empreendedorismo da Universidade do Porto, Carlos Brito, polo director de Santander Universidades España, Pedro Alonso Gil, e polo presidente da RedEmprendia, Senén Barro.

Román Rodríguez destacou que Spin 2016 é un “proxecto de goberno”, como reflicte a presenza de dúas consellerías, e celebrou a implicación das tres universidades galegas e da “universidade irmán” de Porto. Ademais, destacou a experiencia e capacidade da RedEmprendia, responsable das dúas edicións anteriores de Spin, en México e Madrid, e o apoio dunha entidade financeira líder, o Banco Santander.

“Os universitarios formados nos campus deben ser a base do modelo produtivo do futuro. Sabemos que este futuro pasa pola competitividade e, polo tanto, pola innovación. Sabemos tamén que emprender e innovar son sinónimos porque emprender é ter a capacidade de xerar ideas, de tomar a iniciativa, de valorar riscos, de xestionar problemas, en definitiva, ter a capacidade de producir emprego e riqueza”, asegurou o conselleiro de Cultura e Educación.

Transferencia de coñecemento

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que o evento “converterá a Santiago na capital iberoamericana do emprendemento innovador”, e de aí a colaboración financeira da propia consellería na organización das xornadas. Neste senso, destacou a transferencia de coñecemento entre a universidade e o mercado como unha ponte cara o emprego de calidade, e subliñou a aposta da Xunta por consolidar esa innovación aberta que una a investigadores e empresas, a través de programas como o Innterconecta, o Conecta Pemes ou as Unidades Mixtas de Investigación.

Conde defendeu a necesidade de aproveitar as ideas que xeran as universidades “para poñer a economía galega á vangarda de Europa, fixando o tecido industrial máis innovador e o mellor talento ao noso territorio, xerando emprego moi cualificado”. Puxo como exemplo dese camiño a empresas galegas recoñecidas que naceron das tres universidades, como Nanogap, Imatia ou Torusware.

“Por iso”, resaltou, “é polo que esteamos a volcar a nosa capacidade investidora tras a Estratexia de Especialización Intelixente, que ten a transferencia de coñecemento como bandeira”, e que conseguiu activar 220 millóns en investimentos en 2015 e ten como obxectivo para este ano sumar proxectos innovadores por outros 250 millóns de euros.

Co lema ‘Creando Cultura Empendedora”, Spin ofrecerá un programa con charlas, conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios, coa participación de empresarios de referencia internacional e expertos no mundo dos negocios, no ámbito académico, na ciencia e no mundo da cultura. Todos compartirán as súas experiencias e coñecementos cos 2.000 asistentes que se agardan, nunha contorna na que se favorecerá o networking e o partnering entre participantes. A asistencia será de balde previo rexistro.

Foro de inversores

Para os emprendedores que aínda non teñen dado o salto ao mercado, Spin 2016 ofrecerá o programa ‘Model2Market’ dirixido a fortalecer modelos de negocio nacidos na universidade. Por outra banda, Spin contará co ‘SmartMoney4Stars’, foro de inversión e oportunidades para acelerar spin-offs e startups universitarias ao que acudirán os principios inversores e foros de capital risco e business angels de América Latina.

As industrias culturais e creativas terán un protagonismo especial na edición de Spin deste ano, como mostra do compromiso da Xunta de Galicia e do resto de organizadores coa chamada “economía laranxa”, que supón un importante fonte de emprego e crecemento en España e América Latina.

Terceira edición

Spin é un evento internacional que continúa a medrar e a consolidarse. Nas dúas edicións anteriores sumou 1.300 asistentes de 16 países, máis de 70 entidades colaboradoras públicas e privadas e repartiu máis de 160.000 euros en premios, sempre dirixidos a impulsar ideas, modelos de negocio e proxectos emprendedores.

O emprendemento é unha das tres liñas de traballo da Cidade da Cultura, xunto á cultura e a tecnoloxía. A través do Centro de Emprendemento, máis de douscentos emprendedores están a impulsar no Gaiás proxectos innovadores no seus espazos de coworking, no viveiro de empresas ou no crowdworking que xestiona xunto a Amtega e Telefónica.

RedEmprendia é unha rede universitaria que desenvolve programas internacionais para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresas baseadas no talento e no coñecemento xerado na universidade. Actualmente está integrada por 28 universidades e conta co Banco Santander como aliado estratéxico. A través de Santander Universidades, o Banco Santander desenvolve proxectos no ámbito universitario, con 1.200 acordos con universidades e institucións académicas de todo o mundo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-02-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.

Notas

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral.
Un consorcio formado por persoal investigador das tres universidades galegas, liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela pola docente Luzia Oca e a ONG Ecos do Sur, están a traballar no proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES