Notas de prensa

Uxía Senlle dirixe o XII Festival de Música Lusófona: Cantos na Maré

Cantos na Maré 2016, que se celebra en Pontevedra, é unha nova ocasión para “gozar dun encontro coa música dos países lusófonos e saborear a súa variedade e riqueza”, en palabras de Uxía Senlle. Destacouse o valor engadido da lingua galega que permite relacionármonos cun potencial de 250 millóns de persoas no mundo lusófono.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, interveu na actividade que inaugurou a duodécima edición do ‘Cantos na Maré’, o festival internacional da lusofonía que se celebra en Pontevedra. O acto, no que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística, consistiu nunha conversa-entrevista que, baixo o título ‘O idioma é a chave coa que abrimos o mundo’, o xornalista Suso Iglesias lle realizou a Jorge Palma, figura destacada do rock portugués, e un dos convidados no ‘Cantos na Maré’ deste ano.

Na presentación, e logo das palabras de Uxía Senlle, directora artística do festival, Valentín García destacou ‘o valor engadido da lingua galega, que transcende as nosas fronteiras e permite relacionármonos cun potencial de 250 millóns de persoas en todo o mundo lusófono’, e que “tamén facilita a expansión económica nun mercado de gran relevancia, consonte e en aplicación tamén ao que establece a Lei 1/2014 de aproveitamento dos vínculos coa lusofonía coñecida como ‘Paz Andrade’”.

Xa no tempo para a conversa entre Iglesias e Palma, celebrado no Local de Música da cidade do Lérez, falouse sobre a música en galego e portugués, a relevancia do contacto entre Galicia-Portugal e con outros países da lusofonía, e fíxose un repaso pola traxectoria como compositor e intérprete do propio Jorge Palma.

A nova edición do Cantos na Maré
‘Cantos na Maré’ 2016 é unha nova ocasión para “gozar dun encontro coa música dos países lusófonos e saborear a súa variedade e riqueza”, en palabras de Uxía Senlle.

Nesta ocasión o cartel está composto polo brasileiro Alceu Valença, icona da música nordestina; Karyna Gomes, de Guinea Bissau, a máis recente revelación da música africana lusófona; a brasileira Thaïs Morell, creadora afastada de clixés, que ademais é unha destacada guitarrista e frautista; o portugués Jorge Palma, santo e seña do rock portugués e autor de culto; e os galegos Uxía & Narf, que achegan ao festival as súas ‘Baladas da Galiza Imaxinaria’.

O festival, que botou a andar no ano 2003, naceu coa intención de renderlle unha homenaxe ao mar como punto de encontro de artistas, compositores, músicos, poetas e escritores galegos unidos polos sentimentos e valores culturais do universo galegoportugués. Logo das primeiras edicións, celebradas no exterior, o Pazo da Cultura de Pontevedra e mais o mes de xaneiro convertéronse no onde e no cando actuais, con Uxía Senlle na dirección artística e Paulo Borges na dirección musical. Dulce Pontes, Joao Afonso, Filipa Pais, Chico César ou Guadi Galego son só algúns dos nomes que conformaron o cartel do ‘Cantos na Maré’ nalgunha das súas anteriores edicións.

O poder da lusofonía

A Xunta de Galicia tamén ten a mirada posta no mundo lusófono. O primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, que pretende avanzar na promoción do uso da lingua galega no sector económico, quere reforzar e consolidar o idioma propio de Galicia como valor engadido do ámbito empresarial, dentro e fóra do territorio galego.

O espírito do novo plan responde á idea de que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un extra de confianza, calidade e proximidade nos/as consumidores/as, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, o que pode reportar tamén beneficios económicos. Nesta liña, a Administración autonómica puxo en marcha nos últimos anos campañas como ‘Exportar en galego’, con importantes resultados empresariais no marco da lusofonía –que computa a día de hoxe máis de 250 millóns de falantes e abrangue algunhas das economías máis emerxentes do mundo-.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.

Notas

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral.
Un consorcio formado por persoal investigador das tres universidades galegas, liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela pola docente Luzia Oca e a ONG Ecos do Sur, están a traballar no proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES