//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias economia
A Xunta porá en marcha no 2026 unha Oficina de Atracción de Talento que coordinará todas as medidas en materia de emprego destinadas aos galegos e galegas do exterior que deciden retornar para traballar na súa terra, así como as iniciativas dirixidas a favorecer a contratación planificada de persoas traballadoras de 3º países por parte de empresas da nosa comunidade. Deste xeito, Galicia consolidará un modelo propio que aposta por captar persoas traballadoras de xeito ordenado e sempre en base a un emprego de calidade -por conta allea ou emprendendo-.
O Consello deu luz verde nunha reunión extraordinaria ao Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026, unhas contas nas cales a Xunta aposta por un reforzo sen precedentes do gasto social. Os orzamentos superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000 millóns de euros. En concreto son 14.240 millóns, un 2% máis que no 2025. Unhas contas que supoñen un incremento dun 3,1% nas políticas sociais, pero sen esquecer outros eidos claves para o avance de Galicia como seguir apoiando ao tecido produtivo da man da innovación. Por iso, a partida para I+D+i sube un 9% o ano que vén.
Tivo lugar hoxe a reunión na que quedou constituído o Consello Galego de Artesanía Alimentaria, un órgano consultivo que ten como obxectivo mellorar a calidade e a promoción das producións da nosa comunidade autónoma. O encontro, serviu para poñer en marcha este órgano no que están representados, ademais de distintos departamentos da Xunta, as organizacións profesionais agrarias, o sector cooperativo, consellos reguladores e asociacións de artesáns alimentarios. Cómpre salientar que actualmente están inscritos en Artesanía Alimentaria un total de 136 operadores das catro provincias galegas, dos cales 47 son da Coruña, 43 de Lugo, 21 de Ourense e 25 de Pontevedra. Todos eles pertencen aos diferentes grupos de produción regulados mediante norma técnica, como panadaría e confeitaría, derivados lácteos, conservas vexetais, mel, cervexa, aceites, licores ou marmeladas, entre outros.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao exercicio 2024 amosa que Galicia pechou o ano co 100% do orzamento executado -case 900 millóns de euros máis que en 2023- e logrou reducir a súa débeda en 234 millóns. Un documento que, segundo resaltou, confirma 'a solvencia' das contas autonómicas. Tal e como explicou o presidente, a Conta Xeral destaca tamén que Galicia acadou 'un superávit do 0,23% do PIB', obtendo unha capacidade de financiamento de 191 millóns de euros. Esta capacidade de financiamento compatibilizouse cunha execución do gasto non financeiro de preto do 100% dos créditos iniciais, aumentando preto de 853 millóns con respecto ao exercicio anterior.
O informe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cifra en 2.943 as vivendas de promoción pública en marcha diferentes fases de tramitación e execución na comunidade. Estas vivendas forman parte do traballo do Goberno galego para duplicar o parque público residencial, o que significa que neste momento a Xunta ten xa en marcha o 73 % dos novos fogares comprometidos para esta lexislatura. Cómpre recordar que en 2025 o Goberno galego triplicou o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial. O Informe reflicte así que neste momento, a Xunta de Galicia ten 2.943 vivendas de nova construción en marcha, o que supón un investimento xa licitado de 208 M, e un total estimado de 451 M.
Estes espazos ofrecerán asesoramiento aos veciños que o precisen da man de técnicos da Xunta para axilizar a tramitación das axudas e para ofrecer a información sobre a situación . Concluíu o Presidente que haberá "rapidez en sacar axudas e rapidez en concedelas, e que a xente teña o diñeiro que precisa o antes posible".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe para dar conta do avance na configuración das axudas que se aprobarán a semana que vén para facer fronte aos danos provocados polos lumes forestais, especialmente na provincia de Ourense. Nesta liña, o titular do Executivo galego sinalou que en canto estean controlados os lumes, tocará cuantificar os danos para de inmediato resarcir aos damnificados para que recuperen todo o que perderon. Por iso, desde a Goberno galego convocarase un Consello extraordinario en Ourense para aprobar a configuración das axudas e solicitarase ao resto de Administracións, tanto locais como estatal, que se involucren na recuperación dos danos.
O IGCC atendeu entre xaneiro e xuño deste ano un total de 20.218 consultas, unha media de 111 consultas ao día. Ademais, tramitou 9.710 reclamacións, o que se traduce nun promedio de 53 reclamacións diarias, e abriu 637 expedientes sancionadores por un importe total de 9,4 millóns de euros. En relación coas consultas, figuran en primeiro lugar as relacionadas co ámbito das telecomunicacións, que con 5.312 representan máis do 26 % das consultas. En segundo lugar están as relacionadas coa enerxía -3.824-, que supoñen case o 19 % do total. Ademais, destacan as consultas relacionadas co eido electrónico, con 1.625, e co financeiro, que acadaron as 1.343.
Galicia é unha das primeiras comunidades que aproba o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano, en concreto 14.177 millóns de euros. A planificación das políticas en materia financeira ten permitido que desde o ano 2020 se incrementen case un 40 % os recursos ordinarios da comunidade autónoma, para blindar servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación e a dependencia e seguir xerando riqueza en Galicia co apoio ao tecido produtivo da comunidade. Os recursos propios autonómicos medran en 485 millóns, co cal acadarán os 12.276 M no ano 2026. Trátase, como non podía ser doutra maneira, dunha cantidade compatible coa regra de gasto, que se preve que creza no vindeiro ano un 3,5 %.
O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o Informe sobre a situación da AP-9 elaborado desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avaliado hoxe no Consello da Xunta conclúe que o rescate da concesión da autoestrada é 'a alternativa máis vantaxosa para o interese público', e cuantifica a estimación actual desta medida en 2.356M, 'cantidade moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión', segundo apuntou Rueda. A Administración autonómica exixe ao Goberno central que, diante do recente ditame da Comisión Europea sobre a AP-9, asuma este rescate e a liberalización das peaxes de xeito inmediato.
Un informe socioeconómico para o deseño de estratexias para a creación de emprego no concello de Ourense. Así se presentou o traballo realizado por investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, unha análise na que se abordan 'todos os indicadores posibles para que axuden a apuntar cara un modelo de cidade que estea preparado para afrontar os retos máis inmediatos: a organización social logo da covid, a crecente e imparable dixitalización, a I+D+i ou a revolución verde'.
Cooperativas e Sociedades Laborais representan o 5% do PIB galego, podendo chegar ao 7% ao sumar outro tipo de entidades. Así o constata o Informe sobre a Economía Social en Galicia 2019, presentado este venres na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e que ten como obxectivo cuantificar a importancia que na Comunidade Autónoma ten todo o conxunto de familias que compoñen a Economía Social. No ano 2019, tal e como evidencia o informe, creáronse 56 novas cooperativas en Galicia, o que supuxo un crecemento do 4,1%.
A Xunta de Galicia facilitará que toda a poboación galega teña acceso a servizos financeiros no seu concello, de modo que dispoñan dun caixeiro automático no seu municipio e poidan acceder tamén a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica. A FEGAMP actuará como intermediaria entre a Administración galega e as entidades locais e trasladará a todos os concellos toda a información.
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, e a Asociación de Economía Crítica organizan, integramente en liña os días 4 e 5 de febreiro, as Xornadas de Economía Crítica (JEC), un espazo de encontro aberto que conta xa con tres décadas de traxectoria. Nesta ocasión, as xornadas desenvólvense baixo o lema Emerxencias, Transicións e Desigualdades Socioeconómicas.
Galicia pechou o mes de novembro sendo a segunda comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas cun período medio de pago de 18,90 días, só por detrás de Murcia, segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda. Ao peche do mes de novembro, o período medio de pago de Galicia situouse en 18,90 días.
Unha investigación sobre o papel de Galicia como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas, e unha análise sobre os últimos 30 anos do sector agrario e agroalimentario, son os traballos recoñecidos co Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia na modalidade dirixida a artigos científicos. No apartado de teses de doutoramento recoñeceuse un traballo sobre moto-mecanización da agricultura en Galicia ata o ano 2000.
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou mediante videoconferencia na presentación da nova edición dos Días Azuis do Comercio Galego, campaña que se celebrará ata o 30 de novembro co obxectivo de impulsar as vendas do comercio de proximidade e poñer en valor o importante papel económico e social do sector no actual contexto.
Este martes arrancou a través do Campus Remoto da UVigo o ciclo de conferencias Empresa familiar e sostibilidade, organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo coa colaboración da Asociación Galega de Empresa Familiar. Na sesión, representantes tanto do eido académico como empresarial afondaron en como afrontan as empresas familiares galegas a aposta pola economía circular reducindo o consumo de materias primas e a xeración de residuos finais.
Galicia pechou o mes de agosto sendo a segunda comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas cun período medio de pago de 14,46 días, só por detrás de Murcia, segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda. En agosto, o período medio de pago de Galicia situouse en 14,46 días, 20 días inferior ao do conxunto das comunidades autónomas que foi de 34,90 días; e por debaixo do límite de 30 días que establece a normativa estatal.
Galicia Calidade vén de incorporar ao selo autonómico produtos das empresas alimentarias Grupo Leche Río (Lugo), Conservas del Noroeste (Vilaboa) e as adegas Gran Bazán (Vilanova de Arousa) e Finca Millara (Pantón), logo de superaren os controis de calidade realizados pola entidade pública. Con estas novas adhesións o selo de garantía suma os produtos e servizos de máis de 135 empresas galegas.