Archivo (12 del 2023)

Buscador

Noticias

A misión biolóxica espacial BIXO, impulsada pola agrupación de estudantes UVigo SpaceLab, segue dando pasos importantes de cara a convertese nun fito para a Universidade de Vigo. Este martes, no marco dunha visita institucional da Axencia Galega de Innovación, a súa directora, Patricia Argerey, xunto co reitor, Manuel Reigosa, puxeron unha “primeira pedra simbólica” deste proxecto.
A sala de exposicións Alterarte e o Paseo da Igualdade do campus de Ourense acollen a mostra Resalire. Con fotografía de Fuco Reyes, esta iniciativa da organización non gobernamental Igaxes forma parte da campaña #NonNosXulgues, pola desestigmatización da mocidade tutelada. A mostra parte da definición de resalire como “persoa que volve a saír” e “capacidade dun corpo para recuperar a súa forma orixinal a pesar de persistir forzas que traten de modificalo”.
O xoves terá lugar o acto de entrega dos IV Premios Galicia de Innovación e Deseño. Durante a cerimonia, que terá lugar ás 18.30 horas no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, daranse a coñecer os gañadores e gañadoras nas seis categorías deste certame. Estes premios son unha iniciativa da Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Axencia Galega de Innovación– para distinguir a contribución de profesionais e empresas á transformación económica e social en Galicia a través das mellores prácticas en innovación e deseño.
A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo deu este xoves un paso máis na loita contra a desigualdade de xénero no ámbito dixital coa presentación de sociedade dunha nova revista que permitirá difundir coñecemento científico, crítico e feminista, sobre os riscos éticos da transformación tecnolóxica e o seu impacto negativo sobre os dereitos das persoas. Bautizada como Gender on Digital. Journal of Digital Feminism, a nova publicación foi presentada no edificio Redeiras.
O xogo 'Avy, Fábulas da Noite', nado como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, consegue o galardón ao Xogo coa Mellor Arte na X Edición do Premios iokool PlayStation Talents. O acto de entrega de distincións tivo lugar nos Cines Callao de Madrid e puido seguirse en directo na canle de Twitch de PlayStation España.
No marco do convenio entre a Xunta de Galicia e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela para o desenvolvemento dun Inventario Forestal Continuo da comunidade, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal traballaron no desenvolvemento de sistemas capaces de identificar e caracterizar, de forma automatizada, diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite.
Co obxectivo de mellorar a resiliencia costeira na eurorexión Galicia-norte de Portugal, botou a andar o proxecto Capta, cofinanciado polo programa de cooperación Interreg España-Portugal Poctep e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder, e que sentará as bases de políticas e instrumentos de planificación que axuden a preservar os ecosistemas litorais.
Reformular máis de 50 anos de estudo dun dos campos máis prometedores da astrofísica: as ondas gravitacionais. É o que propón un traballo liderado por Juan Calderón Bustillo, investigador ‘La Caixa Junior Leader’ e ‘Marie Curie Fellow’ do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), publicado na revista Physical Review X no que os autores “danlle a volta” aos complexos cálculos necesarios para obter información destes eventos.
'Durante o tempo que durou o taller, buscamos maneiras de transformar a realidade a través do cinema. E fixémolo cun simple xesto, introducindo a cámara en situacións cotiás da nosa contorna, como se a estivesemos hackeando'. Deste xeito presenta o artista audiovisual e investigador da Facultade de Belas Artes Berio Molina o taller A xogos coa realidade, no que dez estudantes do campus traballaron nunhas curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación de Novos Cinemas.
Logo da súa estadía no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca a comezos deste ano, o patrimonio artístico e persoal de Valle-Inclán volve estar de actualidade coa publicación do catálogo homónimo da exposición, Valle-Inclán íntimo. O novo volume reproduce nas súas 304 páxinas “da forma máis fiel posible a propia exposición para perpetuar o que por definición é efémero”, explica a profesora Margarita Santos Zas, comisaria da mostra xunto a José Manuel López Vázquez e Javier del Valle-Inclán Alsina.
« Anterior | 2  de  3 | Siguiente »

Archivo

2024 (142)

2023 (349)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES