Notas de prensa

Un equipo liderado desde a UVigo avanza no estudo do impacto do cambio climático nas capas altas da atmosfera

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.

No proxecto participan once institucións de sete países, estando ademais da UVigo a Universidade de Oxford, a Nasa, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR), o Centro de Investigación Antártica de Reino Unido, a Charles University de República Checa, o Instituto Nacional de Investigacións Avanzadas da India, o Instituto Meteorolóxico de Finlandia, o Instituto Meteorolóxico dos Países Baixos e a Universidade de Leeds. Por parte da Universidade de Vigo están Juan Antonio Añel, como líder do proxecto, e Laura de la Torre, do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e tamén docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

Obxectivos e avances

Os obxectivos marcados no proxecto son varios. En primeiro lugar, lembra Juan Antonio Añel, está avaliar “en que estado nos atopamos para monitorizar os impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera, xa que agora mesmo temos unha gran falla de datos e sistemas de observación e as misións de satélite previstas nos próximos anos non solucionan estes problemas”. O coñecemento actual sobre os impactos do cambio climático, comenta o investigador, segue “moi restrinxido” á superficie e á parte máis baixa da atmosfera do planeta. O proxecto tamén se propón construír unha base de datos de observacións da atmosfera media para poder estudar mellor ditos impactos e cuantificar o impacto das emisións dióxido de carbono na ionosfera e certas propiedades da atmosfera alta, tales como a densidade de electróns. “Isto é importante porque está afectando á navegación de satélites e ao seu tempo de reentrada na atmosfera e aumentando o tempo de permanencia en órbita do lixo espacial e polo tanto aumentando a súa cantidade”, sinala. Por último, no marco desta iniciativa farase un informe con recomendacións sobre como solucionar estes problemas.

Alén de expor os avances acadados en cada un destes obxectivos polos membros do equipo, Juan Antonio Añel sinala que nesta segunda xuntanza “debido á cantidade inxente de satélites que estamos a pór en órbita, temos empezado a discutir os impactos que a reentrada de todos eles na atmosfera pode ter sobre o medio ambiente debido aos compoñentes químicos que se liberan cando se queiman na atmosfera”. Tamén, engade, “seguimos preocupados pola falta de satélites e sistemas de medida para observar a alta atmosfera, traballando para apoiar misións candidatas a ser lanzadas pola Axencia Espacial Europea que poderían axudar a paliar esta situación, como CAIRT ou KEYSTONE e CHESS, da Universidade de Berna e tamén co apoio da ESA e a Federación Astronáutica Internacional”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.
Foto de la tercera plana (20240515-uvigo.jpg) Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.

Notas

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio. Trátase dunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o labor investigador que se leva a cabo en Galicia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES