Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 14 de mayo de 2024
Son o home que...

Son o home que un día dixo que a vida ten a súa fin. Tamén son o mesmo que outra vez dixen que era inmortal. É mentira. Morrerei coma todo o mundo. Se non me matan antes, que é o mesmo que morrer, pero doutra maneira. Tamén queda a opción de que me mate eu mesmo; ou ben por suicidio -que non teño intención- ou ben por accidente. Xa sei que me puxen en plan tráxico. Foi a puta primeira frase.
Pingas de OrballoTamén son dos que sei cambiar para ben. Para unha felicidade compartida. Ou sen compartir. Cando quero non preciso de ninguén para estar ben. Mellor só que mal acompañado, non si? Estando só podo cantar polo baixiño e sen que me digan que canto moi mal.
Son o home que soñou co espazo sideral na procura dun extraterrestre. E chouto de planeta en planeta desde o sofá. E deito sobre o corno da lúa en cuarto crecente. En cuarto minguante tan só sento. Son o fillo de Ludivina e Evaristo, Os Toupeiros da Serra. Son fillo vinculeiro.
Tamén son o que estudou Xeografía por medio das novelas do Oeste e a Historia contemplando películas desde o mesmo sofá no que soño co universo infinito, é dicir, co meu universo. Son o laretas que escribe que o verso solto sae da flor do toxo para, co tempo, compoñer todo un poema. Son o antipolítico que desexa un nacionalismo galego urxente e eterno. Son a canción que soa e o vento que zoa, a pinga de auga e a cara lavada. Son o ruxerruxe do bambán, a sombra que me asombra e a noite de entresoño que se alonga, que se alonga, que se alonga. Son o home que chegará á súa fin. Mentres non chega... a vivir!

Guerra na cabeza

Treme o meu corpo ante o estoupido dunha bomba de neutróns, que me fai acubillar no refuxio da memoria. Aquela na que o meu Getsemaní paría unha chisca de dor nas mañás de inverno do monte Medo. Porén, non rebentan de todo os meus pensamentos porque intento adaptar, axustar a guerra a unha pequena paz entre os amieiros da Pitediña. Eses amieiros que, nas tardes de canícula dos veráns, deixaban caer sobre min as sombras do seu tempo.
Pingas de Orballo Esperto do estralo da bomba de neutróns e abrigo o meu medo cun enorme edredón. Agora quédame a ilusión de que a subida ó monte Calvario foi coma un pequeno parágrafo dunha novela barata. Cando se me dá por filosofar entre os soños e a realidade, descubro que a vida vai máis alá dos catro esperpentos que espallo. Nunca entenderei moi ben por que as miñas ilusións ou espellismos bailan sobre unha conciencia que non sei se é negra ou está falta de cor. Sempre presumín dunha conciencia limpa, dun sentido con, quizais, demasiada experiencia.
Deixo escapar un suspiro para que se calmen os pensamentos, eses nos que podo soñar e non soño, cos que podo opinar e non opino e sobre os que podo escribir e non escribo. Ou si. Todo depende de como o diga e de quen ou alguén o entenda. En cada suspiro vai unha etapa na que cada oración é coma un remanso de paz nesa guerra sen cuartel que, por veces, armo na miña cabeza. Non quero ser Xesucristo nin predicar no deserto, aínda que, moitas veces, ben que berro desde o alto dos penedos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES