Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antiutopías ou Distopías

jueves, 02 de mayo de 2024
Dous nomes para unha mesma realidade ou ficción. O primeiro deles seméllame máis claro, enténdese no primeiro golpe de vista e compréndeo todo o mundo, porque significa -nin máis nin menos- o contrario de utopía. Se utopía era (xa falamos dela en pasado, que tristeza!) unha sociedade tan perfecta e idealizada que resulta practicamente imposible, a antiutopía é unha sociedade ficticia indesexable en si mesma.

A utopía, é esa illa imaxinaria cun sistema político, social e legal perfecto descrita por Tomás Moro en 1516 (na obra do mesmo nome). A palabra utopía deriva do grego οὐ («non») e τόπος («lugar») e significa literalmente «non-lugar», como explicaba Quevedo «non hai tal lugar». Certamente, non debe confundirse cos "non lugares" que recoñecemos na actualidade, os definidos por Marc Augé, como espazos intercambiables onde o ser humano permanece anónimo (coma os relacionados cos medios de transporte) dos que non nos apropiamos e cos que mantemos maioritariamente unha relación de consumo.

Volvendo ao noso título, antiutopía é a palabra que se usa sobre todo en América para definir ese pesadelo, que en Europa se denomina distopía e que, en principio e na primeira lectura, supoñemos menos cruel. Semella que primeiro chegaron as utopías e máis tarde as distopías como Un mundo feliz de Aldous Huxley, 1984 de George Orwell (ese idealista que defendeu a nosa república e escribiu Homenaxe a Cataluña), Fahrenheit 451 de Ray Bradbury...

Por que me veu á cabeza esta temática? Quizás porque as derivas da actualidade me dan medo: as mentiras que se repiten para facerse verdade, a alienación levada a límites insospeitados, a banalidade do mal e a banalidade da crueldade transmitida polos medios de comunicación e redes sociais para vacinarnos contra a sensibilidade ou a empatía, a falta de horizontes esperanzadores... e tamén pola insistencia na recomendación lectora dun par de obras. 70º Norte é unha distopía que, ademais, Antiutopías ou Distopíasremata pechando unha porta á que te estabas agarrando.

Falando ao redor desta obra insistíase noutras dúas novelas: A estrada de Cormac McCarthy e Desierto sonoro de Valeria Luiselli. A primeira vez que escoitei falar de A estrada foi a Gonzalo Moure nunha charla con bibliotecarias, citábaa como a revelación (case relixiosa) do terror dos tempos que vivimos ou que nos agardan. O relato apocalíptico dun mundo sen paxaros coa natureza queimada, as cidades abandonadas... só queda contaminación e mortos. Un pai e un fillo camiñan, van buscando o sur porque se acerca o inverno e precisan calor pero non teñen maneira de saber se este é o camiño. Seguen estradas, buscan algo para comer e vestirse pero xa case non queda nada que aproveitar nunha terra desolada. O medo aos outros humanos é puro terror porque cando o neno pregunta se son dos bos ou dos malos, o pai ten que contestar dos malos, sempre. Apenas conversan, fano con frases curtas e contundentes. Un pai acompaña ao fillo, sabe que vai aguantar pouco tempo, ocúltalle a súa enfermidade da mesma maneira que quere ocultarlle o espanto dos mortos, dos prisioneiros, dos que comen aos seus semellantes... pero o neno xa veu e o que se ve queda aí, formando parte dun porque "o que metes na cabeza queda para sempre"

A busca do sur (A estrada) para non pasar frío fronte a busca do norte para fuxir da peste que os aniquila coa falta de palabras (70º Norte). Os dous extremos poden ser terra de promisión. Sempre hai un pai que no primeiro caso leva ao neno da man e no segundo pensa nos fillos, por eles comezou ese éxodo que é expedición buscando terras limpas nas que poder vivir, buscando natureza na que curar, buscando as palabras antigas que lles falen da sabedoría, do que foi antes da gran peste. O que camiña cara ao norte escribe un diario dirixido á familia, os que van ao sur falan entre eles, e falan moito da morte porque "Se ti morreses eu tamén había querer morrer (...) Para poder estar contigo", "Se estivésemos a morrer habíasmo dicir?... esa inocencia que ás veces se descubre saber. E a nai, esa lembranza que doe porque marchou cunha lasca de obsidiana para autodestruírse, incapaz de continuar esa vida de arrepíos. "Foise, non si?" dixo o neno e un tempo despois "Eu quería estar coa mamá" e o pai contestou "Queres dicir que oxalá estiveses morto" A soidade é inmensa e só comparable ao espanto. Ese pai tenta que o fillo teña o que precisa (coma calquera pai) e loita para que a súa vida teña visos de normalidade fronte ao que o neno percibe como algo sobrenatural porque "É porque non vou ter ocasión de beber outra máis nunca, verdade?" di ante a lata de coca cola que o pai lle entrega. O pavor ante o espello que lle fai sacar a pistola e apuntar ata que o fillo fala: "Somos nós, papá"

A min emocióname esa defensa da bondade por parte do pequeno, esa maneira de preguntar : "E nós seguimos a ser os bos? (...) E sempre o imos ser" O sufrimento que o desborda cando atopa a alguén a quen non pode axudar a pesar de tentalo, de pedirllo ao pai, a pesar de saber que son superviventes e é unha vida por outra. Ás veces o pai chora desconsoladamente ante a súa beleza, ante a súa bondade. O pai ten a misión divina de salvalo, deus é un ente que representa á especie ou humanidade primixenia e a eles vailles ir ben porque levan o lume coma Prometeo, coma a vella que non deixa que se apague no lar.
Porque nós somos os bos e levamos o lume.
O neno recoñece ao máis débiles, por iso despois de ver como nunha aparición un neno e non poder quedar a buscalo lémbrao preocupado: "Quen me dera que estivese con nós aquel rapaciño" Teño medo de que andase perdido. Quen o vai atopar se anda perdido? Quen ha atopar o rapaciño?" O pai contesta: "Ao rapaciño ao atopar a bondade. Sempre foi así e seguirá a ser."
E a esperanza ábrese no horizonte porque é posible, as palabras fano posible, ou é a fe?
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES