Dulcinea nas esencias do principiño
miércoles, 13 de abril de 2016
Unha vez máis, Dulcineastudios convídanos a reflexionar sobre a vida e sobre as limitacións. Desta volta, o reto é prescindir da visión, é dicir, prescindir do medio polo que recibimos o 80% da información determinante: o sentido da vista. O experimento sitúa a persoas videntes nun miradoiro onde describen o que ven e só cando pechan os ollos son capaces de contarnos aquilo que senten. A veces, o feito de ver mingua outras sensacións que o resto dos sentidos poden captar. Estas sensacións, por unha parte, ábrennos novas experiencias e, pola outra, lévannos a poñernos no lugar daquelas persoas que carecen de visión.
No fondo, a vida está feita para que a gocemos máis alá das nosas limitacións. Este foi o gran segredo que o raposo lle desvelou ao principiño cando lle dixo que o esencial é invisible para os ollos. Tantos anos despois Dulcinea consegue levar á práctica a fermosa filosofía do principiño creado por Saint-Exupéry para amosarnos que vivir é tan doado como aproveitar as esencias que a propia vida nos ofrece. A sabia natureza equilibra os límites e os ilímites, sobre todo no terreo sensorial, para que os seres humanos poidan gozar dunha ou doutra maneira da gran aventura que é a vida.
Se nos poñemos fronte á realidade, temos a obriga de valorar todo o que nos ofrece construíndo autorrealizacións de porvir e legados de esperanza. Dulcinea amósanos como é non ver para agasallarnos coa oportunidade de estimular todos os sentidos e percibir a inmensidade coa que o mundo nos agasalla. Este é un exercicio empático coas persoas cegas que, ao mesmo tempo, nos convida a sentarnos na mesa da comprensión para compartir esas esencias vitais que os nosos ollos nunca poderán captar na súa totalidade.
![Santalla, Iago](/_images/opinion/342.jpg)
Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora