Noticias

A Xunta solicita ao Estado o traspaso das funcións e servizos necesarios para poder asumir a xestión completa do seu litoral

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello acordou hoxe 'iniciar os trámites' para solicitar formalmente ao Estado 'o traspaso dos medios materiais e persoais' a Galicia para poder 'exercer as competencias' en materia de ordenación do litoral que ten atribuídas polo seu Estatuto e que foron 'ratificadas polo Tribunal Constitucional'. O obxectivo é superar a actual situación na que o Goberno central segue exercitando un papel que non lle corresponde nesta materia. Para iso, tal e como explicou Rueda, a Xunta vai solicitar ao Executivo central 'que inicie este procedemento a través da Comisión Mixta de Transferencias', órgano paritario 'integrado por representantes de ambas administracións' e que será o que adopte o acordo de traspaso, que deberá ser aprobado mediante Real Decreto.

Cómpre lembrar que o pleno do Tribunal Constitucional (TC) avalou por unanimidade a validez e o contido da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia nunha sentencia aprobada o pasado 23 de abril que recoñece tamén as competencias exclusivas da Comunidade con relación á materia que se regula nesta norma.

Apenas tres semanas despois e co fin de poder empezar a aplicar na práctica a lei, o Goberno autonómico deu hoxe un paso clave ao acordar solicitar a transferencia das funcións e servizos da Administración Xeral do Estado en materia de ordenación e xestión do litoral. “Agardamos que o traspaso sexa rápido para poder facer efectiva a normativa canto antes”, indicou o presidente.

A sentencia do TC avala que Galicia non se extralimitou nas súas competencias nin invadiu as estatais no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). Neste sentido, considera que a Comunidade, que xa dispón estatutariamente da competencia exclusiva para a ordenación do territorio e do litoral, poderá asumir tamén a xestión dos títulos para o uso e a ocupación desta franxa costeira sen modificar o seu Estatuto, xa que se trata dunha das facultades de carácter executivo que forma parte desa competencia.

Isto inclúe, particularmente, a función para o outorgamento —e, conseguintemente, tamén a prórroga, modificación e extinción— das autorizacións e concesións previstas na normativa de costas na parte do litoral sobre a que Galicia ten competencias.

De feito, a Lei do litoral galega prevé e regula o outorgamento de concesións no dominio público marítimo-terrestre, fixando a tal fin un procedemento integrado para a concesión destes títulos e tamén a creación dun rexistro de autorizacións e concesións.

O recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central, sen embargo, impediu a aplicación deste e doutros preceptos clave da norma galega, que quedou bloqueada na práctica durante máis de seis meses.

A recente resolución do TC, polo tanto, supón un recoñecemento expreso da competencia autonómica sobre a xestión dos devanditos títulos e fai necesario proceder canto antes ao correspondente traspaso a Galicia dos medios e servizos da Administración estatal para que poida exercer todas as facultades e funcións executivas relacionadas coa ordenación do litoral e completar así o proceso de transferencia das competencias sobre a costa iniciado fai xa máis de 40 anos.

Pioneira en regular a costa en toda a súa extensión

Coa aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, en xullo de 2023, Galicia converteuse na primeira comunidade española en regular por lei a franxa costeira en toda a súa extensión, é dicir, tanto mar dentro como terra dentro.

Partindo da consideración da costa desde unha tripla perspectiva (social, ambiental e económica), a norma establece unha nova zonificación desta franxa, con tres grandes áreas diferenciadas en función do seu estado de conservación e das necesidades particulares, ao tempo que concreta os usos permitidos e prohibidos no litoral.

A normativa tamén delimita as actuacións e usos estratéxicos que permitirán o seu asentamento e a ocupación da costa e con ela dáse un paso adiante decisivo para que Galicia poida asumir, ao fin, o autogoberno pleno sobre os seus máis de 2.500 quilómetros de costa, nos que traballan arredor de 40.000 persoas da cadea mar-industria e que xera 9.000 millóns de euros anuais, preto do 5% do PIB de Galicia.

R., 2024-05-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (puccini.jpg) A posta en escena de La Bohème abrirá esta 72ª edición con dúas representacións o 8 e o 10 de setembro no Palacio da Ópera. A homenaxe a Puccini arranca, pois, cunha das súas obras máis coñecidas, que regresa á Coruña despois de 17 anos. Con ela, volven tamén á Temporada Lírica o tenor Celso Albelo e a soprano Miren Urbieta-Vega, nos papeis protagonistas desta produción da Luglio Musicale Trapanese, con dirección escénica de Danilo Coppola. Helena Abad, Manuel Mas, Simón Orfila, Pablo Carballido, Jacobo Rubianes e Alfonso Castro completan o elenco desta montaxe, na que José Miguel Pérez-Sierra levará a batuta da Orquestra Sinfónica de Galicia e para a que se contará, así mesmo, cos coros Gaos e Cantabile.
Foto de la tercera plana (gozo-festival.jpg) O cantante Rod Stewart vén de incorporarse ao cartel de O Gozo Festival 2024 co concerto que realizará o vindeiro 15 de decembro no Coliseum da Coruña. O artista, con máis de 250 millóns de discos e singles vendidos na súa carreira musical, chegará a Galicia da man deste festival que, ademais, ten programadas distintas opcións durante este ano en diferentes cidades galegas a cargo de reputados artistas internacionais. Nestes momentos hai máis de 52.000 entradas vendidas para o inicio da programación con público confirmado de Uruguay, Finlandia, México, Arxentina, Irlanda ou Xapón.

Notas

O proxecto Nature FIRST, no que participa 3edata, está a xerar solucións innovadoras para a monitorización da biodiversidade. A empresa de base tecnolóxica presentou en Frascati (Italia), no marco do Seminario sobre crimes ambientais e o papel das novas tecnoloxías de observación da Terra, as súas últimas achegas para esta investigación no eido da cartografía de hábitats en espazos protexidos.
Máis de 1200 participantes (académicos/as e activistas de diferentes países) preto de 200 sesións, sete conversas plenarias e máis de 20 actividades divulgativas, artísticas e culturais. Estas son algunhas das cifras da ESEE-Degrowth 2024, evento no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica e a 10 Conferencia Internacional de Decrecemento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES