Noticias

Galicia reduce a mínimos a porcentaxe de alumnado repetidor e sitúase mellor que a media estatal en todas as etapas educativas

Galicia reduce a taxa de alumnado repetidor a mínimos en todas as etapas educativas e sitúase mellor que a media de España tanto en Educación Primaria como en Secundaria e en Bacharelato, segundo constatan os últimos datos estatísticos feitos públicos polo Ministerio de Educación correspondentes ao curso 2022-23. Así pois, o sistema educativo galego rexistra as mellores cifras neste eido nos últimos seis cursos, sen contar os da pandemia, onde se flexibilizaron os criterios de promoción por mor do contexto sanitario daquel momento. Ademais, sitúase no grupo de cabeza das comunidades autónomas con menos repetidores.

A evolución máis positiva rexístrase na etapa de Educación Primaria, cunha taxa de repetición do 0,7 % de media en Galicia (a estatal é do 1,1 %). A baixada é especialmente acusada se se compara co curso 2017/18, onde se rexistrou un 2,1 % de repetidores. No que atinxe á posición a nivel estatal, Galicia sitúase na cuarto comunidade autónoma con menos porcentaxe de repetidores, tras ocupar o posto décimo segundo no curso 2017/18.

En Educación Secundaria tamén se constata unha dinámica positiva cunha redución de 3,7 puntos en seis cursos, ao pasar dos 10,2 % de repetidores no curso 2017/18 ao 6,5 % no curso 2022/23. Esta cifra tamén é mais baixa ca media estatal, que se sitúa no 7 %.

As porcentaxes á baixa de repetidores confírmanse en todos os cursos da ESO, sendo menor no caso de 4º de ESO, onde repetiron o 5,7 % dos estudantes, un punto porcentual máis baixo que o 6,7 % de media estatal neste curso.

En canto á posición entre comunidades, ocupa o sétimo posto con menor porcentaxe de repetidores, cunha baixada significativa desde o posto décimo no curso 2017/18.

Na etapa de Bacharelato, a taxa de repetición en Galicia sitúase no 4,4 % fronte ao 5,9 % de España. Isto supón unha baixada de 3,6 puntos con respecto ao 2017/18. Maila citada baixada, no ránking entre comunidades permanece estable no posto catro, igual que no curso 2017/18.

Programas de apoio

Na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está en marcha un amplo abano de accións específicas dirixidas ao reforzo das competencias académicas e, deste xeito, aumentar o éxito escolar, como así confirman as últimas estatísticas do Ministerio de Educación. Nesta liña cómpre mencionar o Programa para a Orientación, Avance e Enriquecemento Educativo PROA+, dirixido ao alumnado máis vulnerable para axudalo a superar dificultades específicas de aprendizaxe. Cun orzamento de máis de 6,4 M€, a través deste programa dotouse de 386 docentes extra a 362 centros educativos e beneficiou a 9.050 alumnos.

A Consellería tamén puxo en marcha a Rede de acompañamento e orientación persoal e fa miliar de Galicia, RAOGAL, un programa de apoio educativo que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2021/22 e que a día de hoxe duplicou recursos coa disposición de 71 docentes responsables que exercen de coordinadores dos colexios e institutos da súa área de influencia para o apoio ao alumnado con maiores dificultades, con especial atención aos que están en risco de abandono escolar, absentista e con dificultades de aprendizaxe.

Outro dos aspectos nos que máis se incide é no ámbito da atención á diversidade como un elemento clave para garantir a educación inclusiva nas primeiras etapas educativas. A este reto responde o programa Acompaña, dirixido á etapa de Educación Infantil e os dous primeiros ciclos de Educación Primaria, dotado con 2,1 M€ e que este curso conta con 86 profesores e chega a máis de 2.000 alumnos.

R., 2024-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES