Noticias

Axudas para a mellora tecnolóxica e a redución do consumo enerxético das explotacións agropecuarias galegas

A Consellería de Economía, Industria e Innovación conta con 3,34 millóns de euros para favorecer a implantación de tecnoloxías eficientes nas explotacións agropecuarias galegas, co que se agarda reducir os consumos polo menos un 10%. Estas axudas de concorrencia non competitiva, procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Energética, poden ser destinadas tanto á mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de regadío como á mellora enerxética nas explotacións.

Na primeira liña (instalacións de regadío) estarían incluídas a substitución de grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético, a implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos, a implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega, ou a instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, entre outras.

Na segunda liña (explotacións) entrarían as actuacións sobre a envolvente térmica, nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, a substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas, ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, por exemplo.

O importe máximo das axudas é dun millón de euros por proxecto, e poden ser solicitadas ata o 31 de decembro por persoas físicas e xurídicas que sexan titulares de explotacións gandeiras, comunidades de regadores, titulares de explotacións agrícolas de regadío, organizacións e asociacións de produtores agrícolas, comunidades de enerxías renovables, comunidades cidadás de enerxía e empresas de servizos enerxéticos.

NoticiaEste programa está encamiñado a promover o aforro e a eficiencia enerxética no sector agropecuario, mediante proxectos que permitan reducir custes enerxéticos e mellorar a eficiencia e a sustentabilidade. Ata o momento, isto traduciuse en 54 solicitudes por importe total de 2,09 millóns de euros, co que xa se mobilizaron 5,9 millóns de euros.

Axenda Enerxética

Estas axudas están enmarcadas dentro da Axenda Enerxética de Galicia 2030, unha folla de ruta da Xunta de Galicia que ten como obxectivo acadar a neutralidade climática en 2050 diminuíndo a dependencia enerxética do exterior mediante a descarbonización, facendo da nosa comunidade un polo enerxético innovador baseado nunha industria eficiente e sostible, e axudando ás familias galegas a aforrar e mellorar a súa eficiencia económica.

A Axenda Enerxética procura unha Galicia máis verde, sustentable, competitiva, innovadora e xusta, e propón 56 medidas arredor de sete eixos de actuación, sendo un deles a descarbonización do sector primario, do terciario, das actividades económicas e das administracións públicas.

R., 2023-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-catedral-sant.jpg) Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.

Notas

O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña, José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola UDC, acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1), polo seu artigo 'Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels'.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES