Noticias

A Xunta e Cáritas Galicia formarán a persoas inmigrantes en situación irregular en sectores con demanda laboral

O Consello da Xunta ven de autorizar un convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e Cáritas Federadas en Galicia para o desenvolvemento dun proxecto piloto de arraigamento para a formación de persoas inmigrantes en situación irregular en sectores nos que precisan man de obra, facilitando que atopen neles un posto de traballo. É unha iniciativa pioneira que persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, contribuindo a facer fronte á escaseza de persoal en sectores con problemas para atopar man de obra.

Sobre este proxecto, o presidente Rueda precisou que poderán beneficiarse persoas en situación irregular en España, cunha permanencia mínima de dous anos no país, sen antecedentes penais. Tamén avanzou que a Xunta investirá preto de 400.000 euros neste programa e no que se prevé que este ano participen inicialmente entre 65 e 70 persoas inmigrantes en situación irregular.

O acordo formalizarase tras a entrada en vigor o ano pasado do real decreto polo que se modificou o Regulamento da Lei orgánica sobre dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España e a súa integración social, co que tamén entrou en vigor a nova figura do arraigo para a formación. Deste xeito, aquelas persoas que residan en España en situación irregular e cumpran un compromiso efectivo de formación poderán obter unha autorización de residencia.
Desenvolvemento do convenio

O proxecto piloto está integrado por un itinerario de arraigo para a formación que arrancará coa captación de potenciais persoas participantes, coa prospección empresarial para determinar ámbitos de formación con maiores posibilidades de inserción laboral e coa selección das persoas beneficiarias. Posteriormente, elaboraranse itinerarios individualizados de arraigo para a formación nos cales deberán incluírse accións de diagnose, deseño, seguimento e acompañamento, así como accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades para o acceso e a permanencia no mercado laboral.

Seguidamente, o proxecto piloto inclúe a formación capacitante para obter a autorización de arraigo para a formación tendo en conta os resultados da prospección empresarial, a inserción laboral das persoas participantes, que deberá ser a través dun contrato de traballo relacionado coa familia profesional da formación recibida e acreditada no arraigo para a formación e, por último, o acompañamento e seguimento individualizado durante todo o proceso de arraigo para a formación, incluída a fase de inserción laboral.

No marco do convenio, a entidade Cáritas Federadas en Galicia comprométese a desenvolver todas as accións e funcións descritas e a poñer á disposición os recursos humanos e materiais precisos para a súa execución. Pola súa banda, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, alén de achegar preto de 400.000 euros para o obxecto do acordo, comprométese a facilitar a información de que dispoña relativa a ofertas de traballo non cubertas e aos perfís profesionais máis demandados.

Compromiso da Xunta

No eido da formación, a iniciativa enmárcase nos programas levados a cabo pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nomeadamente a través da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, co fin de impulsar a formación de cara á consecución dun traballo estable e de calidade e, ao tempo, cubrir as vacantes existentes no mercado laboral.

En referencia a novos traballadores procedentes do exterior, cómpre mencionar a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, na cal se enmarca a Estratexia Cualifica Retorna, que favorecerá o regreso de centos de galegos cun contrato de traballo indefinido buscando conectar as vacantes laborais con perfís altamente cualificados doutros países.

R., 2023-08-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (puccini.jpg) A posta en escena de La Bohème abrirá esta 72ª edición con dúas representacións o 8 e o 10 de setembro no Palacio da Ópera. A homenaxe a Puccini arranca, pois, cunha das súas obras máis coñecidas, que regresa á Coruña despois de 17 anos. Con ela, volven tamén á Temporada Lírica o tenor Celso Albelo e a soprano Miren Urbieta-Vega, nos papeis protagonistas desta produción da Luglio Musicale Trapanese, con dirección escénica de Danilo Coppola. Helena Abad, Manuel Mas, Simón Orfila, Pablo Carballido, Jacobo Rubianes e Alfonso Castro completan o elenco desta montaxe, na que José Miguel Pérez-Sierra levará a batuta da Orquestra Sinfónica de Galicia e para a que se contará, así mesmo, cos coros Gaos e Cantabile.
Foto de la tercera plana (gozo-festival.jpg) O cantante Rod Stewart vén de incorporarse ao cartel de O Gozo Festival 2024 co concerto que realizará o vindeiro 15 de decembro no Coliseum da Coruña. O artista, con máis de 250 millóns de discos e singles vendidos na súa carreira musical, chegará a Galicia da man deste festival que, ademais, ten programadas distintas opcións durante este ano en diferentes cidades galegas a cargo de reputados artistas internacionais. Nestes momentos hai máis de 52.000 entradas vendidas para o inicio da programación con público confirmado de Uruguay, Finlandia, México, Arxentina, Irlanda ou Xapón.

Notas

O proxecto Nature FIRST, no que participa 3edata, está a xerar solucións innovadoras para a monitorización da biodiversidade. A empresa de base tecnolóxica presentou en Frascati (Italia), no marco do Seminario sobre crimes ambientais e o papel das novas tecnoloxías de observación da Terra, as súas últimas achegas para esta investigación no eido da cartografía de hábitats en espazos protexidos.
Máis de 1200 participantes (académicos/as e activistas de diferentes países) preto de 200 sesións, sete conversas plenarias e máis de 20 actividades divulgativas, artísticas e culturais. Estas son algunhas das cifras da ESEE-Degrowth 2024, evento no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica e a 10 Conferencia Internacional de Decrecemento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES