Noticias

A Filmoteca de Galicia recibe os cineastas Cyril Schäublin e Albert Serra para presentar os seus premiados últimos traballos

A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes ofreceralle ao público cinéfilo 32 novas citas na súa sede da Coruña. Destacan, entre elas, as visitas do cineasta suízo Cyril Schäublin e do catalán Albert Serra para presentar as súas últimas e premiadas longametraxes. O primeiro deles estará na cinemateca da Xunta de Galicia este mesmo venres 3 con motivo dunha sesión dobre que dará comezo ás 18,00 h.

Iniciarase co clásico alemán Xente en domingo, que xunta a Billy Wilder no guión e a Edgar G. Ulmer e Robert Siodmak na dirección antes da súa fuxida a Estados Unidos. Tras introducir este filme de 1930, Schäublin presentará e participará no coloquio arredor da súa película Disturbios, pola que foi recoñecido como mellor director na sección Encounters da pasada edición da Berlinale. Este traballo sobre a transformación tecnolóxica que afectou á fabricación artesanal dos reloxos suízos a finais do século XIX proxectarase na Sala José Sellier a partir das 20,30 h. en versión orixinal e con subtítulos en galego.

Sexta visita de Serra á cinemateca

Pola súa banda, Albert Serra regresa á Filmoteca de Galicia o martes 14 para compartir co público o seu último filme, a coprodución hispano-francesa Pacifiction, como xa fixera en ata cinco ocasións coas súas anteriores longas. Desta volta, faino co que está a ser un dos éxitos cinematográficos en Francia, onde despois da súa estrea no Festival de Cannes, obtivo o premio Louis Delluc á mellor película francesa do ano pasado, foi elixida por Cahiers du Cinéma como a mellor estrea de 2022, logrou os premios a mellor director, actor e fotografía nos Lumières e acaba de ser nomeada en nove categorías dos César.

En febreiro concluirán, ademais, os ciclos que a Filmoteca de Galicia lles está a dedicar á actriz María Casares e ao cineasta experimental Jonas Mekas co gallo dos seus centenarios. No caso de Casares, a homenaxe remata mañá mesmo cunha sesión ás 20,30 h. que incluirá o telefilme La mort de Sidonie Mertens, de 1966, e tres pezas informativas da televisión francesa: unha reportaxe sobre a súa interpretación teatral de La Celestina, a súa participación no programa Apostrophes a raíz da publicación de Residente privilexiada, a súa autobiografía, e a noticia do seu falecemento en 1996.

Lectura en homenaxe a Jonas Mekas

Pola súa banda, o especial sobre Jonas Mekas chega á súa fin con catro películas sobre catro dos seus amigos: Andy Warhol (dia 8) e John Lennon, Georges Maciunas e Jackie Kennedy (día 10). A primeira destas citas complétase cun acto no que os cineastas Jaione Camborda, Ángel Santos e Santos Díaz, a programadora Andrea Franco e os directores da mostra (S8), Ana Domínguez e Ángel Rueda, lerán varios capítulos de Destellos de belleza, o último libro de Mekas.

A carteleira de febreiro avanzará tamén nas retrospectivas sobre o portugués Paulo Rocha e o iraniano Abbas Kiarostami, que arrancaron en xaneiro na Sala José Sellier e que agora ofrecen algúns dos traballos máis recoñecidos de ambos. Así, prográmanse oito novas sesións do ciclo de Paulo Rocha, considerado o pai do Cinema Novo portugués, coas que se cubre a práctica totalidade da súa filmografía: desde 1982, coa súa obra mestra A illa dos amores (xoves 2), ata 2012, ano do seu pasamento e da súa última película, Se eu fosse ladrao... roubava (día 28), recapitulación de toda a súa obra.

Continúa igualmente o especial sobre Abbas Kiarostami con cinco programas que dan conta da súa evolución desde un cinema didáctico e neorrealista ata a dirección autorreflexiva. Comprenden tanto as súas últimas curtas e documentais para Kannon (días 7, 9 e 10), o centro iraniano para o desenvolvemento intelectual de nenos e adolescentes no que traballaba, ata a triloxía de Koker, coa que acadará fama en Occidente: ¿Dónde está la casa de mi amigo? (días 11 e 15), Y la vida continúa (días 18 e 22) e A través de los olivos (días 25 e 28).

Outra das sesións destacadas de febreiro na Filmoteca de Galicia será a proxección o día 23 de El filmador, de Aldo Garay, película que parte da viaxe por Europa do escritor uruguaio José Pedro Díaz a primeiros dos anos 50 e que inclúe imaxes inéditas da romaría de A Franqueira, no concello pontevedrés de A Cañiza, filmadas en setembro de 1950 coa súa cámara de 16mm.

R., 2023-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-catedral-sant.jpg) Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.

Notas

O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña, José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola UDC, acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1), polo seu artigo 'Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels'.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES