|
|
|
GARDA 1.-Fíxate naquela parella.
GARDA 2.-Ela semella estar embarazada.
GARDA 1.-Nesas condicións non se lles perdía nada fóra da casa.
GARDA 2.-Vai ti saber de que calaña son...Se cadra, están arrimados.
GARDA 1.-¡A mocidade de agora! Non sei a onde imos parar.
XOSÉ.-Cóntame a verdade, María, ¿tés dores, non si?
MARÍA.-Pouquiños; pero non teñas medo, que Deus nunca abandona ós que quere.
(Sentan Xosé e María na beirarrúa, no paso dunha porta, ou onde se poida).
GARDA 2.-¿Espombámolos de aí?
GARDA 1.-Déixaos. Non te compliques a vida. ¡Que máis tén!
XOSÉ.-Isto pásachenos por sermos pobres, ¿sabes?
MARÍA.-¿Quen sabe?... Hainos máis pobres ca nós. Non podemos queixarnos.
GARDA 2.-A min rebéntanme as festas... Nadal, Fin de Ano, Aninovo, Reis...Non hai máis ca forasteiros e xente de mal vivir.
GARDA 1.-Festas para os outros. Para nós, ¡servicio e traballo redobrado!.
GARDA 2.-(Erguendo o son coma para que o escoiten Xosé e María). Algún poida que durma hoxe na cadea, dígocho eu... ¡Unha muller a punto de dar a luz e sentada na friaxe!. ¡Que falla de sentido!.
GARDA 1.-Se se estivesen na casa... ¡Paletos!. Ímonos de aquí, que me están avinagrando o sangue (Saen da escena os dous gardas).
XOSÉ.-Ti dis que os hai peor; pero nós ben pouco temos, María.
MARÍA.-Temos, temos, Xosé. Eu téñote a ti, ¿que máis quero?
XOSÉ.-E eu téñote a ti, María, e non te trocaría por nada do mundo.
MARÍA.-Si, témonos un ó outro e imos ter...
XOSÉ.-¡Un neno!
MARÍA.-Tería gracia que resultase unha nena.
XOSÉ.-Non. Ha de ser neno; pero asemellarase moito, moito a ti... Tamén se é para hoxe... Non me mintas, ¿tés dores?.
MARÍA.-Pouquiños. E estate tranquilo, que ben oíches ós médicos do hospital que volvésemos mañá ás dez. Eles saben máis ca nós destas cousas... Como é a primeira vez...
XOSÉ.-Si; aínda que ben puideron internarte hoxe; que estas cousas tampouco che son tan exactas. Se tivésemos seguro ou se fósemos de pago, non te ían deixar fóra. Xogo canto teño.
MARÍA.-Pois, non xogas moito. ¿Que tés?
XOSÉ.-O certo é que, sen ti, case nada. Por iso teño tanto medo a perderte por non seres ben atendida... Se fósemos ricos...
MARÍA.-Se fósemos ricos, o mesmo me internaban hoxe, si. E ocupaba unha cama, se cadra, sen necesidade, e logo, viña unha de urxencia e non había onde metela.
XOSÉ.-Ben se ve que es máis sensible ca min. Gracias que es tan boa coma intelixente; que, se son, ¿quen te aturaría?... ¡Imos ter un neno máis listo!. ¿Dóeche?
MARÍA.-Pouquiño... O peor é que non haxa xa a estas horas coche de liña para írmonos.
XOSÉ.-¡E aínda que o houbese, muller! ¿Non pensarás que ía consentir que fixeses unha viaxe tan pesada nas condicións en que estás, para termos que volver mañá?.
MARÍA.-Pois durmir fóra co frío que vai...
XOSÉ.-¡Nin pensalo!. Hoxe iremos a unha pensión. Baratiña; pero polo menos ha de ter lousado, portas e ventás.
MARÍA.-Ti ben falas, Xosé; pero os sentimentos anúbranche a razón. Se gastamos dese xeito, nunca poderemos devolverlle a don Fructuoso os cartos que nos prestou para arranxar algo a casiña. E polo de agora, cos gastos que o neno vai traer consigo, esquécete da serra eléctrica e de tantas cousas como temos soñado para poñer un talleriño como é debido.
XOSÉ.-Pois, se non podemos devolverllos, que se quede coa garlopa, cos dous serróns, coas tres machadas e, se quere, ata coa burra; pero, ¡fóra non dormes hoxe!.
MARÍA.-Está ben. Como ti queiras, home. Por iso non te alporices. (Ollando para a Fonda). ¿Preguntamos, logo, alí a ver se teñen sitio?
(Érguese primeiro Xosé e axúdalle a María)
XOSÉ.-Preguntamos. Agárrate ben a min, non sexa que tropeces e vaias caer, que xa comeza a xear.
(Camiñan agarrados un ó outro ata a Fonda. Chaman e sae á porta o Pousadeiro).
|
|