|
|
|
POUSADEIRO.-Boas noites. ¿Que desexan?
XOSÉ.-Pois mire, nós viñemos ó hospital; porque aquí a miña muller xa comezara a notar...
(Chega un cliente cunha bolsa de viaxe na man, ben traxado. Interrompe a conversa e penetra na Fonda case sen esperar resposta do Pousadeiro).
CLIENTE 1.-¿Hai camas?
POUSADEIRO.-(Compracente). Si, entre.
XOSÉ.-Dicíalle que a miña muller comezara a notar...
POUSADEIRO.-(Con mala cara) ¡Ó gran!, que non estou para escoitar lerias.
XOSÉ.-Verá. Nós primeiro tiñamos que saber en canto nos podía saír a conta; porque somos xente humilde e...
(Volve a interromper unha Parella, tamén mellor vestidos ca Xosé e María. Traen pouca equipaxe).
HOME.-¿Tén unha habitación de matrimonio?
POUSADEIRO.-Debe de haber, si. Pasen que xa os atenden dentro.
MULLER.-(A María). Mellor estarías xa nun sanatorio, ou na casa esperando.
HOME.-¡E logo, falan da paternidade responsable!.
XOSÉ.-(Ó Pousadeiro). Nós somos xente humilde e temos que facer moito pola vida... Nós non podemos pagar tanto coma outros que...
(Vén unha Maleteira, acompañando a un cliente, que trae dúas maletas nun carretillo. É unha muller xa entrada en anos, vestida de calquera maneira sen gusto, desguedellada e mal encarada).
CLIENTE 2.-(Ó Pousadeiro). Xa tiña feita a reserva por teléfono.
POUSADEIRO.-(Moi reverente). Para vostede sempre hai sitio, don Luís, que é cliente de vello.
(O Pousadeiro colle as maletas e méteas dentro. Ségueo o Cliente despois de dar algunhas moedas á maleteira. Esta conta a modo o diñeiro antes de gardalo).
MALETEIRA.-(Falando para si). Moito don Luís e moita garabata; pero é un cutre agarrado. Tanto tén que sexa Nadal coma que sexa Antroido.
(Volve o Pousadeiro. A Maleteira entretense dobrando o cordel co que ataba as maletas).
XOSÉ.-Eu dicía que nós non podemos gastar tanto coma outros, pero somos honrados, e non é por chufar... Facíanos moita falla para hoxe casa cuberta.
POUSADEIRO.-¿Non te fixaches nos que entraron?. Ninguén axustou o prezo. Van pagar ben.
MALETEIRA.-Pagarán o xusto, ¿ou non hai unhas tarifas de prezos e uns libros de reclamacións?
POUSADEIRO.-Estamos en festas, e sobra xente que busca onde se deitar.
MARÍA.-Pero por iso non se poderá asoballar.
POUSADEIRO.-¡O negocio é o negocio, nena!. Hai que limpar cando vai ar.
MALETEIRA.-(Erguendo a voz). ¡Ti es un xudeu!.
POUSADEIRO.-(En son tamén alto). ¿Que saberás ti, maleteira esfarrapada, que nunca tiveches un peso de teu?.
MALETEIRA.-¡Pois ti, cando esteas agonizante, aínda has de querer beber as cinzas dos que mal gañaches!.
XOSÉ.-Non hai por que latricar... ¿Haberá un sitio para nós?.
MALETEIRA.-¿E como non vai haber sitio para unha muller tan próxima?.
POUSADEIRO.-(Observando de reollo a Xosé). Hoxe en día hai que fixarse moito en quen se mete na casa, e ti..., ti non me tés moi boa pinta.
MALETEIRA.-¡Non che tén boa pinta, e teñen os dous unha cariña de santos que non se remexen!.
MARÍA.-Non. Santos aínda non somos. Somos coma os demais.
POUSADEIRO.-Para min non sodes coma os máis; que xa me chegastes chorando, e nun día coma hoxe ninguén regatea. ¡É Nadal!. ¡Estamos en festas!. E o que non poida estar á altura das circunstancias, que se quede na casa.
XOSÉ.-É que nós non vimos á festa.
MARÍA.-(Mostra moita doenza contida). ¡Ai!.
XOSÉ.-¿Dóeche moito, María?.
MARÍA.-Moito non. Un pouquiño.
POUSADEIRO.-Pero, ¿é para tan axiña?.
XOSÉ.-¿Quen sabe?... Déixenos entrar, ande.
MALETEIRA.-Iso. Déixaos entrar, ¿a que agardas?.
POUSADEIRO.-Nesas condicións, imposible. A miña fonda non é un hospicio. ¡Non pode ser!.
XOSÉ.-Ande, déanos casa cuberta para esta noite, que, se non chegan os cartos que traemos con nós, xa lle farei chegar os que falten. ¿Por que hemos de ter que buscar noutro sitio?.
POUSADEIRO.-¡Para vosoutros non hai sitio!. ¡Non me faltaría máis ca un parto esta noite!. Por culpa do barullo que se armase, a metade dos clientes pedirían o libro de reclamacións. ¡Ídevos canto antes!. ¡Teño dito: non hai sitio!.
MALETEIRA.-¡Non vos movades!. Sentá-
devos no sarego da porta.
POUSADEIRO.-¡Mirade o que facedes, que mando chamar a un municipal!
XOSÉ.-(Implorando). ¡Por caridade!.
POUSADEIRO.-(Ceibando unha gargallada). ¡Por caridade!... ¡Por caridade!... Non teño a fonda para facer caridades. A caridade non casa co negocio, rapaz ¡Non hai sitio!. A caridade xa non se leva. Pasou de moda.
MALETEIRA.-(Berrando fronte á porta, moi alporizada). ¡Non tés entrañas!. ¡Es un desalmado!. Agora entendo por que Deus non che deu un fillo: ¡non valías para pai!.
POUSADEIRO.-(Desde dentro, tamén berra). ¿E a ti por que non cho deu?. ¡Por que nunca se sabería de certo quen podería ser o pai. Lévaos ti para a túa casa, xa que tés tan boas entrañas!.
MALETEIRA.-(Segue berrando). ¡Xa o vou facer, ¿sabes?!. Aínda que a miña non é unha casa. (A Xosé e María en son cordial). Soamente é un cortello. Un cortello, si... Si, é un cortello que quedou abandonado e expropiado polo ensanche da estrada de circunvalación; pero, mentres non o desfán, a min vaime servindo... despois, xa Deus dirá.
(Póñense a andar os tres e continúa falando a Maleteira).
Alí polo menos teredes un teito e non xeará por vós...É da outra banda da vía do tren. Ninguén é rico alí...(A María). Se se che fai custoso andar, podo levarte no carretillo, e se non, que te leve o teu home, ¿ou non estades casados?. A min non me importa, eh.
MARÍA.-Si, casados estamos. E deixe, que ata agora aínda podo andar.
XOSÉ.-(Axúdalle a María a sosterse e a camiñar). ¿Tés dores, María?.
MARÍA.-Pouquiños.
MALETEIRA.-O meu cortello ata cheira mal, que teño unha cabra para o leite e un porquiño, que vou criando coas lavaduras que me dan e co que podo rastrexar aló onde descargan os camións do lixo.
XOSÉ.-María, ¿queres que volvamos ó hospital, por se un caso?.
MARÍA.-Non, deixa. Eles dixeron mañá, e non teño máis dores ca tiña.
XOSÉ.-Logo, seguiremos con esta boa muller, aínda que lle imos causar moitos mareos.
MALETEIRA.-¿Mareos a min?... Non santiños, non; que quen está abondo mareada de carrexar paquetes de riba para abaixo todo o día, non se marea máis nin menos por tan pouca cousa.
|
|