3.- CONCLUSIÓNS:

_ A primeira tendencia que observamos despois de valorar os informes é a falla de autonomía das seccións de cultura da prensa periódica galega. Esta situación de indefinición vén dada polo feito de que as áreas culturais aparecen nas publicacións hibridadas coas de sociedade, ocio, espectáculos, comunicación… Sucede con moita frecuencia nas páxinas locais, atendendo, desde este punto de vista, a un criterio xeográfico e non temático de estructuración dos xornais. A vaga identidade da que gozas as seccións de cultura ten a súa explicación na propia dificultade á hora de determinar qué é cultura. Sociólogos, comunicólogos, antropólogos e outros teóricos aventuráronse a espallar definicións de cultura que non son máis ca múltiples acepcións e distintas modalidades dunha soa cultura, da cultura a secas. Para Touraine é “o xeito no que unha colectividade organiza as súas relacións co seu ambiente natural e social”. Para Moles (Moles, Abraham A. 1987: Sociodinámica de la Cultura. Barcelona. Piados), a cultura componse do “conxunto de elementos intelectuais presentes nun ser ou colectividade”; Malinovski (Malinovski, Bronislaw, 1984: Una teoría científica de la cultura. Madrid. Sarpe) relaciónaa coa “resposta ás necesidades humanas”, e para Lotman (Lotman, Jurij M. Escola de Tartu, 1979: Semiótica de la cultura. Madrid. Cátedra) a cultura debe verse como un “eixo ou programa, como un sistema de regras establecidas que permita fixar sentido na memoria colectiva e fixar a información”. En definitiva, que mentres non se chegue a un consenso nesta materia, os medios de comunicación seguirán reflectindo esa indecisión e esgotando numerosas solucións.

_ Dentro da clasificación de xéneros, destaca o predominio claro dos xéneros informativos (especialmente a noticia), seguido da entrevista e, en menor grao, da crónica e da reportaxe (que queda para feitos moi puntuais e que polo tanto merecen a presencia de “voces autorizadas” para opinaren sobre o tema). Estas mesmas voces expertas xorden de cando en ven nas páxinas da prensa xeralista e fano a través dos xéneros de opinión (crítica de teatro, cine ou literaria, que son as máis recorridas). Tomando como referencia a vella teoría do xornalismo espello fronte ó xornalismo ventá, as publicacións periódicas, sobre todo as diarias, non crean espacio nin para a opinión nin, o que resulta máis grave, para o debate, senón que se limitan a reflectir o que acontece no seu contorno como meros reproductores da realidade.

_ Homoxeneización e repetición de temas e de fontes: Semella que os medios galegos traballan cunha axenda única supeditada ás fontes persoais “de moda” (entrevistas a personases que son noticia por algún premio ou por algunha iniciativa orixinal); ó labor das axencias de comunicación que teñen entre as súas obrigas a de nutrir os medios xeneralistas de información e á recepción de notas e de comunicados de prensa que son productos de convocatorias, moitas delas viciadas, e que son reproducidos, por regra xeral, dunha maneira textual.

_ Chama a atención o elevado índice de utilización do galego nas páxinas culturais da prensa rexional. Semella ser unha sección idónea para ser producida, reproducida e recibida (lida) en galego.

_ Os suplementos son espacios de difusión e de opinión cultural pero á vez un lugar de lexitimación dos productos deste campo. Polo xeral convértense nun espacio de exhibición das grandes firmas e desa maneira en ratificacións do espacio intelectual do medio. Agora ben, non ten o mesmo pluralismo nin centra o seu valor na noticia como feito informativo fundamental, senón que traballa case sempre con patróns de selección, restricción e de subxectividade. Debemos entrar no eterno debate da distinción entre alta cultura ou de elite e cultura popular ou de masas. A liña de separación é moi difusa e ó tempo moi confusa (por exemplo: ¿é un concerto da Orquesta Sinfónica un acto de alta cultura e un concerto de rock, un acto de cultura popular?). Tamén nos leva a lanzar a pregunta de cal debe ser a tendencia a partir de agora ¿periodista xeralista (todoterreo) ou periodista especializado en áreas de coñecemento (xuristas, economistas…)?. A tendencia apunta a un xornal como mero medio pracenteiro, diferente do medio informativo, que trata de afagar os sentidos de quen a el se achega, xa convertido en cliente máis ca en lector. A prensa faise máis trivial, “menos responsable” (De Pablos Coello, José Manuel. 1997: Amarillo en prensa. Santa Cruz de Tenerife. Col. Idea Universidad. Ediciones Idea), para competir de xeito máis directo coa televisión, ofrecendo un producto a xeito de atractivo escaparate, sumarial e de avance, poucas veces de profundización.