7 O Longo camiño cara á Autonomía
Andrea Mártinez
Pablo Vidal


Foi Antonio Rosón – un lucense de Becerreá- quen comezou as solicitudes pedindo a autonomía para Galicia, e seguírono outros procuradores das Cortes franquistas (Meilán Gil, Fernández Calviño...), sen embargo, en xuño de 1977, gaña as eleccións UCD e, polo tanto, correspóndelle a estes decidi-lo futuro político do noso pobo.

O 25 de xuño de 1977 elaborouse o proxecto de réxime da preautonomía galega que foi aprobado unanimemente polos parlamentarios e o 27 de outubro foi presentada a D. Adolfo Suárez (Presidente do Goberno) nun acto protocolario; pero o proxecto non avanzada e o nerviosismo aumentaba xa que para a xente era evidente que a Galicia se lle estaba a dar un trato de segunda categoría. Púxoselle todo tipo de inconvenientes dende o himno, pasando pola bandeira, parecía que non podía haber máis dificultades; pero habías: o candidato a presidi-la Xunta. Uns opinaban que habería que nomear un galeguista histórico ( e pasaron lista a tódolos homes do 36 do exilio), sen embargo, outros opinaban que o primeiro presidente da Xunta debería ser da UCD xa que gañara as eleccións e si as gañara, era porque o pobo lle dera o mandato para presidi-la Xunta. Finalmente, nunha reunión convocada polos parlamentarios da UCD elixiron a Pío Cabanillas (pai), pero desátase unha forte campaña contra el e, sendo consciente do escaso apoio que se lle presentaba en Galicia, decidiu non acepta-la designación, así quedáballe o camiño libre a Rosón Pérez.

Superados os obstáculos publícase o decreto da constitución da preautonomía galega o 16 de Marzo de 1978 e constitúese a Xunta o 18 de abril do 1978. Pero Rosón comezou con moi mal pé, xa que nunha coñecida revista (Interviú) publicase unha reportaxe na que se afirma que el era un dos protagonistas de actividades criminais que tiveran lugar na provincia de Lugo no ano 36, como consecuencia desa reportaxes, milleiros de persoas mobilizáronse e tomaron as rúas para insultar e case agredir ó futuro presidente da Preautonomía. Tódalas dificultades que se presentaban tiñan unha resposta hábil por parte de Rosón e, mentres os seus compañeiros de UCD alonxáronse del, outros prestáronlle o seu apoio incondicional, por iso, non dubidou en integrar a membros doutros partidos e mesmo persoas que estaban fora do mundo da política no seu equipo. Finalmente, conseguiu sacar a diante a redacción do proxecto de Estatuto.

O anteproxecto dos 16

O 3 de xullo de 1978 a Xunta decide a elaboración do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia que sería levado a cabo por 16 persoas (de UCD, PSOE, CD, PDG e outros 3 membros nomeados por estes). Foron moitos os anteproxectos presentados ( do PCG, POGA, PS de G-PSOE. ..) ademais: comunicacións e bases enviadas por distintos organismos, textos articulados...No 7 de abril de 1979 a comisión rematou o seu traballo, e o día 9 presentóuselle ó presidente. Todo parecía ir ben, pero as cousas complicáronse. Rosón insistira excesivamente en que o Estatuto tiña que se-lo resultado dun consenso no que tiñan que estar os nacionalista e galeguistas para que tivese a lexitimidade " que nós non temos" e na necesidade de integrar galeguistas históricos na construcción da nosa autonomía; a UCD temía que se estivese preparando por parte do presidente un poder paralelo e botou abaixo o proxecto presidencial. A Asemblea de Parlamentarios decidiu que o anteproxecto dos 16 era un bo traballo e que o estatuto sería redactado por ela mesma, e Rosón pasou a ser substituído por Quiroga Suárez. Hai que dicir, que a Asemblea de Parlamentarios de Galicia ó facer seu o anteproxecto, podía efectuar no texto cantos cambios crese necesarios.

A comisión dos 9

Constitúese unha comisión o 5 de maio de 1979, estaba formada por deputados de partidos como: UCD, PSOE e Coalición Democrática; coa finalidade de elabora-lo proxecto de Estatuto sobre o texto presentado polos 16. Tivo moi mala acollida por parte dos galegos posto que se pensaba que o proxecto ía sufrir importante rectificacións en contra do espírito autonómico.

A etapa de José Quiroga Suárez

Foi elixido como sucesor de Rosón, o 9 de xuño de 1979, o médico José Quiroga, correspondeulle dirixi-la a autonomía de Galicia nunha etapa moi difícil. Tódolos seus desvelos centráronse na consecución do Estatuto de Galicia. Pódese dicir que estivo no ollo do furacán da sociedade, no centro da tensión política acusado de "todo" e por "todos", desamparado pola UCD galega na que cadaquén tiña a súa propia comenencia e, máis aínda, crese que moitos deputados de UCD eran francamente antiautonomistas e non moveron nin un dedo para que o proceso de autogoberno de Galicia triunfase.

O proxecto de Estatuto da comisión "dos 9"

O 25 de xuño do 79, a Comisión dos 9 presentou o seu Proxecto de Estatuto ante a Asemblea de Parlamentarios, a partir de aquí cabe sinalar datas importantes:
O 10 de setembro publicase no Boletín Oficial o anteproxecto e ábrese un período ata o 21 de setembro, para a presentación de emendas (presentáronse 393); o 25 de setembro noméase a comisión encargada de estudia-lo proxecto (tivo representación galega, por suposto). O informe elaborado pola Comisión Parlamentaria aparece publicado no Boletín Oficial das Cortes o 15 de novembro do 79, e a partir do día 20 do mesmo mes iníciase a discusión do mesmo na Comisión Constitucional do Congreso.
Había sospeitas de que se iniciaba co noso Estatuto unha rebaixa das pretensións autonomistas das nacionalidades e rexións españolas, e as sospeitas convértense en certezas cando todo o mundo ten noticias da disposición transitoria, como consecuencia desta cláusula rómpese o consenso que ata agora fora o soporte máis importante para o estatuto.

Reacción popular

Mobilizouse toda Galicia e o proxecto pasa a denominarse: "Estatuto da aldraxe”, esta inesperada reacción popular frea o trámite do estatuto dende decembro de 1979 ata setembro de 1980. En marzo dese ano, constitúese un colectivo chamado "Realidade Galega" na que , entre outras cousas, reclamaba para Galicia un estatuto sen rebaixas.

Rectificación do proxecto de Estatuto

En setembro retómase o proxecto estatutario e recupérase o consenso perdido, ademais arránxanse moitas dificultades ó rectificar algunhas proposicións do proxecto, estas foron aprobadas por unanimidade o 29 de outubro de 1980. Sen embargo, foran moitas as dificultades polas que se pasaran para chegar ó noso Estatuto e por iso só o 28% do censo electoral votou no Referéndum correspondiente. O 28 de abril de 1981 aparecía, por fin, o Estatuto no Boletín Oficial do Estado.


Educación