1.- Os inicios dunha identidade: Gallaecia
Cristina Meira Barreiro


Segundo os historiadores, a primeira vez que alguén se identifica como Gallaecus (galego) é no século lII d.C.; pero xa había unha historia anterior. O que hoxe chamamos Galicia estivo habitada por diversas xentes : os saefes, algúns pobos de orixe xermánica, os habitantes dos castros e –agora- os romanos.

APARECE O NOSO NOME.

Durante o século VI a. C., as xentes que vivían nestas terras desenvolveron un tipo de construccións, chamadas castros; moitos deles eran, ademais de reductos defensivos, lugares fixos de residencia. Estas primeiras aldeas sobreviven preto de 1000 anos. Aló polo ano 137 a. C. chega o xeneral Xuño Bruto disposto a apoderarse destas terras para o imperio romano e, cando volta a Roma, recibe o alcume de Gallaicus. Sen embargo ata uns 118 anos despois non queda Galicia incorporada ó imperio co nome de Gallaecia. Este é o nome que os romanos deron ó Noroeste da Península Ibérica.

CIVES ROMANUS

Nos anos do 29 ó 33 a. C., Caio Xulio César Octaviano (ó que chamarían Augusto) compromete o seu prestixio político nunha guerra que vai dirixir persoalmente. Esta guerra dura uns 10 anos, a victoria romana foi definitiva. Augusto obrigou ós galego-castrexos a deixa-los castros e a se estableceren nos vales. Comeza a romanización que cambia a sociedade castrexa en sociedade galaicoromana. Cando Roma controla militarmente a Gallaecia, empeza o conflicto entre dous modelos socioculturais (romano e castrexo), p.ex., Roma introduce as casas con esquinas e mailo tellado, continúa a explotación agropecuaria castrexa, ocupando os vales; xorden explotacións minerais e o exército é un elemento de integración, créase tamén unha infraestructura viaria. Entre os anos 67 e 79 d.C. Vespasiano desenvolveu unha gran tarefa administrativa, mellorou o estatuto xurídico dos habitantes do Noroeste, concedéndolles o dereito latino e a división municipal A pertenza a estes municipios non implica a obtención da cidadanía romana, pero os seus habitantes gozaban do dereito latino. Vespasiano traballou na creación dos conventos para resolve-lo problema da integración no imperio de territorios extensos. Toda a súa política vai encamiñada a recoñece-la especificidade do Noroeste para a súa mellor administración e a súa máis completa romanización, xa que os municipios, a extensión do dereito latino, o desenvolvemento do culto imperial, a concreción e desenvolvemento das distintas responsabilidades administrativas van nesta dirección.
A provincia de Gallaecia consolídase de maneira definitiva entre os anos 284-288 con Diocleciano.

SUEVIA NO HORIZONTE
>No século terceiro xa se fai visible a decadencia do poder romano coa reducción das tropas da lexión á metade. A partir do ano 409 empezan a asentarse en Galicia algúns pobos xermánicos, a administración romana vai esmorecendo, quebrando así o poder de Roma e, ante a situación de guerra endémica, a poboación romanizada tende a ocupar de novo os castros. Os suevos principian a aparecer como pobo dominante.


Joven