Anterior PáxinaPrincipal Seguinte
CONSTITUCIONALISMO ESPAÑOL:
Constitucións españolas ata a II República

Beatriz Traveso Rodríguez



Xa Aristóteles falaba da constitución como orde dunha comunidade e norma fundamental (politéia) organizadora superior ás leis (nómoi), e considerouna un concepto material.
A constitución viuse sometida a transformacións co paso do tempo orixinadas por razóns políticas, ata conseguir obter un sentido formal.
O movemento constitucionalista liberal do S.XVIII e XIX establecía os dereitos nun documento escrito, con carácter de “superlei”, que se baseaba no equilibrio de poderes e na declaración de dereitos e liberdades fundamentais.
Unha norma xurídica garantiza a limitación do poder e a reforma asegura un cambio pacífico constitucional, ambas en relación dialéctica coa transformación social. Diferénciase o constitucionalismo democrático da autocracia, na que ten o poder un só home, e tamén do constitucionalismo puramente nominal e semántico.
O concepto sociolóxico de constitución defínese como a suma de factores reais de poder polo que se rexen nun país, aínda que tamén se pode definir como reflexo xurídico-político da estructura social.


* ¿CAL É A ORIXE DA CONSTITUCIÓN?

O constitucionalismo pode dividirse históricamente en monárquico e popular.
O constitucionalismo monárquico baséase na renuncia por vontade xurídica do soberano. No pacto establécese unha especie de acordo entre o soberano e a asemblea popular no que se determina a soberanía real e a soberanía popular. Isto foi básico no dereito público medieval e no dereito natural individualista do “contrato social”. Este pacto verase animado polo liberalismo doutriniano, como ideoloxía moderna, especialmente nas constitucións españolas do S.XIX.
A decisión política constituínte, como vontade política creadora, é a fonte propia da constitución. Na antigüidade esa vontade tivo diversos suxeitos, dos que persiste como titular do poder constituínte o pobo. As constitucións presentadas polo procedemento popular parten do principio da soberanía do pobo. A técnica popular concretouse na formación dunha asemblea constituínte encargada de redactar o texto constitucional e de asignar os poderes constituídos.


* PROMULGACIÓN DAS CONSTITUCIÓNS.

A promulgación constitucional realízase mediante unha fórmula na que se cita a autoridade e da que xorde a constitución, os valores ideolóxicos ós que responde e os fins que se propón. A promulgación reviste, por exemplo, a ratificación popular, como a actual, en forma de referendum. O texto constitucional, por regra xeral, precédese dun preámbulo no que se establecen os valores supremos, que á súa vez se desenvolven no título preliminar no que se recollen os valores, os dereitos e deberes e as liberdades e bens sociais. O preámbulo que a constitución sexa maís definitoria ca imperativa.


* REVISIÓN DAS CONSTITUCIÓNS

Ó longo da nosa historia a constitución sufriu alteracións do sentido das normas fundamentais, por conseguinte, a reforma constitucional pretende adaptar, dun modo consciente e legal, a constitución escrita a esas alteracións. Dende unha perspectiva sociolóxica, esta reforma tamén evita os cambios drásticos ante una revolución, adaptando á normativa constitucional o réxime político imperante.
Segundo os procedementos e órganos encargados de efectuar a
reforma constitucional, existen dous tipos de constitucións: as ríxidas e as flexibles. Toda constitución de por si é dinámica, non ríxida, a non ser que se refira a un procedemento de reforma legal polo que a constitución escrita só pode ser modificada por normas emanadas de organismos independentes do lexislativo ordinario. Pola contra, as constitucións flexibles son aquelas que poden ser modificadas por unha lei xurdida da propia asemblea ou cámaras parlamentarias.


* DEFENSA DAS CONSTITUCIÓNS

O control da constitucionalidade das leis pode ser concedido tanto polos órganos xurídicos como pola asemblea lexislativa ou mesmo por uns tribunais constitucionais específicos.


* ¿PARA QUE SERVEN AS CONSTITUCIÓNS?

A constitución responde ós principios liberais nos que se reflicte que toda sociedade na que non estén formulados os dereitos individuais, nin establecida a división de poderes carece de constitución. Na actualidade as constitucións posúen máis dereitos consignados, e a incorporación dos dereitos sociais, xunto co condicionamento dos dereitos individuais. A extensión do poder social do estado conducíu a unha ampliación do contido das constitucións e a unha transformación das declaracións de dereitos, que son expresados cunha linguaxe máis “social” e económica. A constitución, neste intre, tamén se considera un instrumento de planificación estatal da estructura económica en vías de desenvolvemento.


* CONSTITUCIÓNS ESPAÑOLAS

Se toda constitución expresa un compromiso entre as diversas forzas políticas que cooperan no seu nacemento, a historia do constitucionalismo español podería resumirse nunha case constante vocación ó compromiso. Tradicionalistas e liberais primeiro; moderados e progresistas despois; conservadores e reformadores da estructura social e territorial de España máis tarde; asístese permanentemente á ambición de ampliar a base constitucional, deixando a marxe da normatividade, a esquerda e a dereita, con cada vez menores grupos de rebeldía.


* CONSTITUCIÓN OU ESTATUTO DE BAYONA ¿PRIMEIRA?

Algúns autores negan que o estatuto de Bayona sexa a primeira constitución da España contemporánea, e boa razón levan xa que a consideran unha carta outorgada por Napoleón.
Introducía tímidamente algúns principios do liberalismo inéditos en España, procurando non alterar as forzas tradicionais. Para os sectores reaccionarios abría a porta ó liberalismo e para os liberais continuaba a ser un instrumento do poder absoluto.


* A AUTÉNTICA E XENUINA CONSTITUCIÓN DE 1812

Tamén denominada “Pepa”, a constitución de 1812 é considerada a orixe do constitucionalismo español. A Constitución de Cádiz, proclamou a soberanía nacional, o poder constituínte popular e as liberdades individuais xunto coa monarquía lexítima, constitucional e moderada, e a relixión católica como única relixión do estado. O estado deixando de ser feudal e corporativo, convertíase en nacional e individualista.
A constitución gaditana sobreviviu seis anos e medio, sendo vencida polos absolutistas e reivindicada polos liberais. Pedra de escándolo da política española do S.XIX foi símbolo vivo do enfrontamento civil dun século.


* ESTATUTO REAL DE 1834 . . .

Realmente non é unha auténtica constitución senón un estatuto outorgado pola rexente María Cristina á morte de Fernando VII, no que se reflicte un intento de atraerse ós absolutistas militantes ó tempo que se cedía ás inevitables conquistas liberais.


* CONSTITUCIÓN DE 1837

O movemento protagonizado polos sarxentos de “La Granja” contra a autoridade constituída, deu lugar a unha “nova” constitución fundamentada na reforma da Constitución de Cádiz. A constitución establece a soberanía nacional, as liberdades fundamentais e o credo coma un simple feito máis entre os españois. Por último, refórzase o poder real, o que significa que o rei ten nas súas mans o poder executivo, sanciona e promulga as leis e nomea e separa libremente ós ministros aínda que necesita o consentimento do ministerio, e tamén se caracteriza por ter unha enorme irresponsabilidade.


* A REFORMA DA REFORMA: A CONSTITUCIÓN DE 1845

Trala rebelión carlista, precisábase unha constitución que solidificase aínda máis a autoridade real, para a cal só se necesitou unha reforma da constitución de 1837. Así pois, afiánzase o cantralismo e faise a declaración confesional do estado católico.
A década (1844-1854) rematará en dictaduras ministeriais e abrirá paso á revolución progresista de 1854, que é a orixe da constitución de 1856 que non se chegou a promulgar, a pesar diso exerceu unha gran influencia nas constitucións democráticas posteriores.
A constitución de 1845 perecerá na revolución antidinástica de 1869.


* CONSTITUCIÓN DE 1869 ¿BASADA NA REVOLUCIÓN FRANCESA?


Algúns autores afirman que a constitución de 1869 establécese nos principios da Revolución Francesa, e recoñecen que ocorreu nun momento clave para España.
O anarquismo, o socialismo e o federalismo apareceron no noso país, e o republicanismo presentou cada vez máis adeptos. Da revolución surxía unha monarquía nomeada polo pobo. Todo ísto exponse na constitución que reúne os seguintes principios:
- Presenta unha lista de dereitos humanos.
- Afírmanse as garantías políticas deses dereitos.
- Recoñécese o dereito da censura ó Goberno.
- Instáurase un foro único.
- Diferénciase as competencias de cada poder.
- As rexións e o proletariado plantearan o novo constitucionalismo.


* PROXECTO DE CONSTITUCIÓN DE 1873

Prodúcese na I República española e non se chegou a promulgar debido á breve experiencia republicana, xa que era incompatible coa monarquía porque a constitución facía único suxeito constituínte ó pobo nacional soberano, que se definía republicano, federal e democrático. Presentouse a autonomía dos municipios e dos estados, a separación da Igrexa e do estado e a abolición dos títulos da nobreza. Os dereitos humanos describíronse coidadosamente. Por último, pretendeuse incluso a promoción das Colonias de Ultramar.


* CONSTITUCIÓN DE 1876

A restauración alfonsista e a influencia canovista deron orixe á nova constitución restauradora en case tódolos sentidos. Nela expresábase de novo o pacto doutriniano entre a soberanía rexia e a nacional, no que aumenta o poder da monarquía. O estado volvía a ser confesional. O sufraxio rematou sendo confesional.
Esta evolución constitucional estivo vixente ata o golpe de estado do xeneral Primo Rivera. En 1917 e 1923 houbo intentos frustados de reforma da constitución. Dende 1923 ata 1930 producíuse o chamado proceso de desconstitucionalización da monarquía.