PáxinaPrincipal Seguinte
PRESENTACIÓN
Cando en mil novecentos setenta e oito, o 31 de outubro, as Cortes aprobaban o texto constitucional, ou cando o 6 de decembro era refrendado polo pobo español, as alumnas e alumnos de primeiro de bacharelato (matriculados na asignatura optativa de Ética e Filosofía do Dereito) non pasaban da mera categoría de “posibilidade mental” nos soños dos seus proxenitores; aínda que lle fagamos caso a Platón e poidamos admitir que xa eran “ideas
Manuel Regueiro Tenreiro
puras” no mundo superior ou “hiperuranós”, é ben certo que, alomenos coa corporeidade actual, non existían.

Teñen que conformarse co que lles contan ou co que len nas hemerotecas para revivi-los apaixoantes tres últimos meses do ano setenta e oito. Pero non é menos certo que están a vivir no “marco xurídico” de convivencia que foi alumeado naqueles meses. Polo tanto, son os beneficiarios daquelas efemérides e son os protagonistas dunha época marcada polo texto constitucional, impregnada polos seus valores e organizada en torno ás tres características fundamentais da nosa Carta Magna, que son: o recoñecemento de que a “soberanía nacional” reside no pobo , que o sistema político que nos rexe é o sistema democrático e que estamos organizados nun sistema solidario de Comunidades Autónomas. Son e somos, pois, cidadáns soberanos dun estado democrático de dereito e autonómico.

No Instituto de Ensino Secundario “Anxel Fole” pensamos en celebra-la festa da Constitución da maneira que nos é propia: estudiando o texto constitucional. Velaquí o sentido destes traballos de 19 moz@s que expoñen a súa percepción (desde os seus 16 anos) do texto constitucional.