Homenaxe a Carlos Casares

Vida e Obra
Casares...sobre R. Piñeiro
Galegos.info
...Sobre Carlos Casares
Casares...sobre A. Fole

Carlos Casares... SOBRE RAMÓN PIÑEIRO
Ramón Piñeiro
Por: Carlos Casares
Publicacións do Centro de Investigacións
Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro

Ramón Piñeiro naceu en Armea, na parroquia de Láncara, provincia de Lugo, o día 31 de maio do ano 1915. Era fillo de Salvador Piñeiro García e de Vicenta López Fernández.

O pai viviu de mozo en Madrid, onde se fixo cunha importante cultura, en contacto con grupos liberais. Foi alí onde coñeceu á súa futura muller, veciña do lugar de A Pedreira, que daquela residía tamén na capital en compañía dun irmán que tiña negocios.

Despois de casaren, construíron a casa familiar de Armea, que non puideron rematar por falta de medios económicos.

Esa foi a razónde que Vicenta emigrase a Buenos Aires, quedando o seu home, que daquela traballaba como oficial no concello, ó cargo dos nenos e da casa.

En Láncara, os Piñeiro eran coñecidos polo nome de “Os de abaixo”, que para o resto dos veciños quería dicir que eran persoas raras, aínda que tamén tiñan fama de seren moi intelixentes.

Era unha historia antiga, pero que se reforzou moito durante a infancia de Piñeiro, pois dous tíos seus chegaron a padecer enfermidades de tipo mental.

A rareza dos Piñeiro, sen embargo, incluía tamén historias agradables, como a lenda dun tesouro atopado por un dos antepasados da familia. Unha versión aseguraba que un día, estando nun prado, un dos bisavós de Piñeiro encontrara unha arqueta chea de moedas de ouro. Esa arqueta estivo no faiado da casa durante moitos anos.

Outra versión, esta de tipo fantástico, pretendía que a arqueta co tesouro fora vista flotando no río cunha moura que ía sentada nela e se peiteaba cun peite de ouro.

O máis probable é que a arqueta fose un tesouro agachado por algúen cando a francesada.

Co diñeiro do tesouro, os Piñeiro levantaron a casa familiar.

Ramón non naceu nela, senón na que construíron os seus pais e que foi a causa de que a nai marchase a Buenos Aires en busca de fortuna para podela rematar.

Desta casa proceden os primeiros recordos de Ramón Piñeiro, cando a nai o metía nun pequeno espacio coutado con bancos de madeira e el se puña a correr arredor, divertido pola propia velocidade con que o facía.

De neno, Piñeiro foi un neno tímido, en parte porque vivía illado e sen poder xogar con outros nenos, debido á distancia que había entre a casa familiar e as demáis casas da aldea. Por iso, xogaba só. Construía casiñas de barro e botaba longas parrafadas consigo mesmo.

Esta timidez e tendencia á soidade acentuábanse cando había visitas na casa. Nesas ocasións, o neno desaparecía rapidamente, pero procurando que non se notase.

Na súa soidade, Ramón meditaba. Un dos problemas que o intrigaban era o tren, do que lle escoitara dicir ó seu pai que era como un coche moi grande, pero sen cabalos. Esa idea non a conseguía entender, pois os únicos vehículos de tracción que coñecía eran os carros arrastrados polos bois ou os carromatos tirados polos cabalos.

Tamén sentía interese pola escritura.

En parte, este interese proviña do feito de que o seu pai, que era un bo calígrafo, cuestión moi importante nunha época en que practicamente non existía outro tipo de escritura, tiña a teoría, entón bastante estendida, de que os nenos podían aprender a ler pronto, pero non a escribir, pois había que evitar que adquirisen vicios que logo serían moi difíciles de enmendar.

Por esta razón, Piñeiro soubo ler moi pronto, pero ninguén lle aprendeu a escribir antes de ir á escola. Fíxoo el pola súa conta. Utilizaba garabullos para trazar liñas sobre a cinsa ou na terra, e tamén pallas que mollaba en auga, coas cales debuxaba sobre a mesa da cociña. Nisto contaba coa axuda da nai.

Deste xeito, cando Piñeiro cumpriu seis anos e foi á escola, xa sabía ler e escribir.

Na escola, o mestre falaba en castelán, o cal desconcertou ó neno, que non entendía a razón daquela situación estraña, pois o galego era a única lingua que se falaba na súa casa e na aldea, entre os veciños. Sentiuno como unha humillación.

Na escola, Piñeiro aburríase porque xa sabía ler e escribir.

Para distraerse, intrigado pola historia aquela que o seu pai lle tiña contado respecto do tren, púxose a imaxinar cómo podía se-la máquina que arrastraba o comboio, que era o substituto dos cabalos. Despois, pintouna na pizarra, tratando de descubrir o segredo do seu funcionamento.

Estaba tan emocionado coa solución daquel enigma, que un día non se decatou de que o mestre o chamaba. Entón este achegouse ata a mesa de Ramón e preguntoulle: “¿Tú vienes a la escuela a estudiar o vienes a jugar?” O neno quixo oculta-la “pizarra”, pero o mestre colleuna e preguntoulle: “¿Qué es esto?”. Collido por sorpresa, respondeu que era a máquina do tren. Entón o mestre díxolle: “¿La máquina del tren? ¿Así que en lugar de estudiar como los demás, te dedicas a inventar cosas? Sin duda vas a ser de los que inventan la pólvora.”

O que máis amolou a Piñeiro foron as burlas dos seus compañeiros maiores, que lle decían: “¡Seica vas inventa-la pólvora!”.

Algún tempo despois daquel episodio, un día, por fín, Piñeiro puido ve-lo tren. Foi en Sarria, con motivo dunha viaxe a Lugo para ir ás festas do San Froilán.

Pero antes recibiu outra sorpresa: a luz eléctrica, que non coñecía.

Aquel mesmo día foi comer a un restaurante co seu pai, onde o neno viu unha luz que non era nin unha vela, que ademais non se apagaba soprando.

Despois xa veu o tren. Cando estaba esperando na estación, ó divisa-la locomotora avantando pola vía, botouse a correr despavorido, ata que o seu pai o colleu e o tranquilizou.

A viaxe foi todo un acontecemento.

En Lugo, seguiron as sorpresas, sobre todo a iluminación das rúas, pois o neno, en Láncara, no coñecía máis luz para andar de noite que a que viña da lúa e as estrelas ou os fachóns de palla que se empregaban para desprazarse polos rueiros e os camiños.