Homenaxe a Carlos Casares

Vida e Obra
Casares...sobre R. Piñeiro
Galegos.info
...Sobre Carlos Casares
Casares...sobre A. Fole

Carlos Casares, VIDA E OBRA

Galeguista recoñecido, home de moitos amigos, persoa de ben, de extraordinaria xenerosidade, escritor por vocación, digno representante das Letras galegas… Deixou pegada entre os que o coñeceron persoalmente e os que souberon del a través da súa obra. E así se reflexou a raíz da súa morte o sábado, 9 de marzo de 2002, de mañanciña, en Vigo. Asistira á homenaxe do tamén ilustre Francisco Fernández del Riego, chegara ó seu domicilio en Nigrán e tivo que voltar a Vigo aqueixado dunha crise cardiaca irreversible. Xa tivera antes algúns avisos, como recoñeceu o filólogo e director da Academia Española da Lingua, Víctor García de la Concha, quen lembrou que no ano 1983, durante a celebración dun gran “Encontro de intelectuais ante o ano 2000” organizado pola Universidade de Salamanca, houbo de ser hospitalizado e daquela contou cos coidados “de irmán maior” do seu profesor e sempre amigo, Ramón Piñeiro.

O 9 de marzo de 2002 remataba unha vida que comezara 60 anos antes (o 24 de agosto de 1941) en Xinzo de Limia, na provincia de Ourense. Once anos máis tarde, en 1952, trasladouse coa súa familia á cidade ourensá onde cursou o Bacharelato e onde xa empezou a amosa-las súas inquedanzas literarias elaborando un primeiro xornal que distribuía entre os seus compañeiros, e recibindo o seu primeiro premio.

Xa na súa etapa de estudiante universitario en Santiago de Compostela, onde se matriculou en Filosofía e Letras, introduciuse no mundiño da cultura galeguista da época. Eran os anos 60: España –e Galicia- vivía momentos de mellora económica tralos duros tempos da posguerra, o consumismo daba os seus primeiros pasos, o turismo traía cartos e extranxeiros que falaban doutros xeitos de vida, producíanse rebelións contra o sistema (manifestacións universitarias, de traballadores, etc.), bulía un ansia pola política social vencellada coas ideoloxías de esquerdas e as intelectualidades buscaban un lugar para situa-los seus pensamentos, moitas veces relacionados co potenciamento do propio. O galeguismo –ó igual que outros movementos noutras rexións do Estado español- deixábase sentir e fomentábase en tertulias das que tamén formaba parte Carlos Casares.

Unha persoa que, logo de facer –xunto con Salvador García-Bodaño- traduccións clandestinas das letras das cancións de Raimon para un concerto en Galicia organizado pola coordinadora de grupos políticos universitarios un ano antes de maio do 68, chegou a formar parte de proxectos institucionais como o Consello da Cultura Galega, onde substituiu na presidencia a outro grande das Letras en Galicia, Xosé Filgueira Valverde, e da Real Academia Galega á que se incorporou en 1978.

Obras como Xoguetes para un tempo prohibido, Ramón Piñeiro, Un polbo xigante, Hemingway en Galicia, A vida de Ánxel Fole… xunto cos seus artigos publicados en xornais e revistas varias, forman parte xa do legado de Carlos Casares ás Letras Galegas. Un legado que se fai aínda máis importante pola calidade humana que o envolve: o Autor e a Persoa son hoxe recoñecidos e permanecerán por sempre na memoria colectiva que conforma a historia dun pobo, o pobo galego.



O calendario da vida –e arredor dela, a obra- de Carlos Casares queda marcado por unhas datas xa inesquecibles na súa biografía:

_ 1941.- O 24 de agosto nace en Xinzo de Limia (Ourense) Carlos Casares.
_ 1952.- Estudia o Bacharelato en Ourense. Aquí manifestou as súas primeiras inquedanzas literarias e publicou un xornal que escribía a man e que logo repartía entre os seus compañeiros.
_ 1959.- Con 18 anos gaña o primeiro premio do Concurso Provincial de Cuentos de Navidad.
_ 1960.- Comeza a década e Carlos Casares principia os seus estudios de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, vivindo a época das loitas estudiantís.
_ 1965.- A revista “Grial” (da que chegaría a ser director) publica os seus primeiros relatos.
_ 1967.- Carlos Casares incorpórase á literatura galega coa obra Vento Ferido: unha colección de contos que se considera reflicten os temas que preocupan ó autor e que logo irá desenvolvendo ó longo do tempo.
_ 1968.- Continúa a publicación de obras de Carlos Casares. Neste ano ve a luz un libriño para nenos: A galiña azul.
_ 1969.- *) Aparece a súa primeira novela, Cambio en tres, onde Casares abandona o seu estilo claro e sinxelo que o caracteriza para experimentar con outra narrativa. Nesta obra reflexa o mundo da emigración.
*) Ocupa o cargo de profesor en Viana do Bolo (Ourense), pero pronto é cesado polas denuncias dos caciques que provocan que o rector de Compostela lle prohíba exerce-la docencia en todo o distrito, polo que se ve obrigado a trasladarse e marcha a Bilbao.
_ 1972.- Traduce ó galego a obra de Saint-Exupéry O Principiño.
_ 1973.- Ano do estreo da peza teatral A laranxa máis laranxa de todas as laranxas, que acadou o primeiro premio do certame de teatro infantil O Facho.
_ 1974.- Regresa e Galicia e consigue unha praza de docente de bacharelato en Cangas (Pontevedra).
_ 1975.- *) Entre os recoñecementos públicos, Carlos Casares recibe este ano o Premio de Novela no XXV aniversario da editorial Galaxia pola obra Xoguetes para un tempo prohibido.
*) Este mesmo ano aparece a edición crítica de Aires da miña terra, de Curros, que nos descubre a un Casares investigador e crítico.
_ 1976.- Esta mesma obra, Xoguetes para un tempo prohibido, acada o Premio de Crítica Española.
_ 1977.- Carlos Casares segue colleitando premios e gaña a primeira edición do Premio Ramón Otero Pedrayo cun ensaio sobre a vida e a obra do autor.
_ 1978.- No mes de maio, Carlos Casares ingresa na Real Academia Galega cun discurso sobre “O desastre do 98 e os escritores galegos”.
_ 1979.- Publica na editorial Galaxia o libro Os escuros soños de Clío: un compendio de doce relatos escritos en clave de parodia a partir dos soños dunha excéntrica Clío, a musa da Historia, e que foi loubado pola crítica que o considerou un innovador no xeito de tratar temas históricos. Esta obra velulle o Premio da Crítica de Galicia dese ano.
_ 1980.- Publica Ilustrísima: narra a chegada dun cinematógrafo a unha vila galega e reflexiona sobre a tolerancia e o dogmatismo, e tamén é autor das biografías de Curros Enríquez e Vicente Risco.
_ 1981.- *) Na faceta política de Carlos Casares destaca esta data por ser elexido deputado autonómico por Ourense como independente dentro do PSdeG-PSOE, nas primeiras eleccións ó Parlamento de Galicia.
*) Este mesmo ano 1981 escribe a biografía de Ramón Otero Pedrayo.
_ 1983.- *) Segue recibindo premios: este ano concédeselle o Fernández-Latorre de xornalismo por un artigo sobre a autonomía titulado “Carta aberta a un político galego”.
*) Publica O can Rin e o lobo Crispín e Un polbo xigante.
_ 1984.- Ve a luz a publicación Conversas con Ánxel Fole.
_ 1986.- Este ano Casares ocupa a dirección da revista "Grial" e da editorial Galaxia, considerada símbolo da resistencia cultural do galeguismo nos anos da dictadura franquista e clave da literatura galega contemporánea.
_ 1987.- Publica Os mortos daquel verán, coa que foi candidato ó Premio Nacional de Narrativa en 1988. Casares obtén tamén en 1987 o Premio Losada Diéguez.
_ 1988.- O 28 de abril inaugura a súa columna diaria no xornal “La Voz de Galicia” baixo o título xenérico de “Á marxe”. Este vencello perduraría ata o mesmo día do seu pasamento.
_ 1989.- Carlos Casares recibe unha nova distinción: é galardoado co Premio da Xunta de Galicia á creación cultural polo conxunto da súa obra.
_ 1991.- Escribe Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia, sobre a figura de quen foi un dos seus principais referentes literarios.
_ 1992.- Fai o estudio da edición da Poesía Completa de Curros Enríquez.
_ 1995.- Obtén o premio Julio Camba de Xornalismo na súa primeira edición.
_ 1996.- *) Logo dun silencio literario de preto de dez anos, Carlos Casares publica Deus sentado nun sillón azul. Editada por Galaxia, esta novela –cun home de Ourense da posguerra como principal protagonista- fala da soberbia intelectual e da vida nunha vila de provincias.
*) Tamén escribe o vídeo-libro Ramón Piñeiro, promovido polo departamento de Publicacións do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, e no que Casares ofrece unha panorámica da vida e a obra do que fora o seu profesor, referente e amigo por sempre.
*) Ese mesmo ano, o 14 de outubro, é elexido presidente do Consello da Cultura Galega, onde substitúe a Filgueira Valverde.
_ 1997.- Retoma a literatura infantil e escribe Lolo anda en bicicleta e a serie Toribio.
_ 1998.- Publica, tamén en Galaxia, Un país de palabras: un libro que inclúe textos que van desde o ensaio máis clásico ata as súas memorias, tratando tamén diferentes temáticas relacionadas coa literatura e os escritores, con Galicia e os seus costumes, e con Compostela e os seus amigos.
_ 1999.- O 23 de outubro xa ten un novo e serio aviso do seu corazón, e ten que ser hospitalizado por unha arritmia cardiaca. Aínda así, pode recolle-lo Primeiro Premio Otero Pedrayo ou Premio da Crítica Galega.
_ 2002.- *) Escribe e publica A vida do Padre Sarmiento, o seu último libro que viu a luz en vida do escritor.
*) O 9 de marzo falece no Hospital Meixoeiro, de Vigo, e ó día seguinte é soterrado en Nigrán. Estaba casado e era pai de dous fillos.
*) Outra obra de recente creación que non saiu a tempo para que el a presentase é Da miña acordanza: as memorias de Ramón Piñeiro a partires da transcripción dos centos de horas de conversa gravadas entre profesor e discípulo arredor da mesa camilla na casa do histórico galeguista. Estas memorias están editadas por Galaxia co patrocinio da Fundación Caixa Galicia, e nelas aparecen documentos inéditos coma os informes remitidos por Piñeiro ós galegos no exterior en calidade de secretario do Partido Galeguista, según as informacións aparecidas nos medios de comunicación.
*) Quedaba en proceso de publicación a súa derradeira obra: O sol do verán, que editou Galaxia na súa colección Literaria, e que se presentou o 9 de maio, logo de que Casares deixoara as probas correxidas. Ó longo de 240 páxinas o escritor conta unha historia de amor e morte narrada en primeira persoa por unha muller que rememora a vida que compartiu cun home a partires do seu suicidio. É a súa obra póstuma.
*) O xurado do premio Roberto Blanco Torres promovido polo concello de Cuntis e a Universidade de Santiago acordou o 21 de decembro concederlle a título póstumo este galardón pola súa aportación ó xornalismo literario galego a través da sección diaria que escribiu na "Voz de Galicia" desde o 28 de xuño de 2001 ata o 9 de marzo de 2002 en que faleceu.

Escritor, editor, traductor e político, Carlos Casares Mouriño foi considerado unha das columnas do recambio xeracional do galeguismo: herdeiro da perspectiva do intelectual Ramón Piñeiro -do que foi discípulo, ó igual que de Risco-, Carlos Casares foi un gran amigo da conversa que cultivou con personaxes diversas e de talla (Torrente Ballester, Cunqueiro...)