2.- IDENTIFICACIÓN E EXPLICACIÓN DOS INFORMES

_ Ámbito xeográfico: o repartimento de cifras neste primeiro informe garda coherencia coa cobertura dos medios analizados. En orde decrecente, temos os seguintes datos: Galicia (426, o que supón unha porcentaxe do 47% sobre o total de rexistros de base: 924), Local (365, 41%), España (75, 8%), UE (33 ocasións, 3%), e sen determinar (6 veces, 1%). Debemos precisar que a opción “local” ten un importante peso no campo do ámbito xeográfico e responde á cobertura que fan certos medios cun forte arraigamento na comarca ou localidade de asentamento ou mesmo cun grande interese por chegar a un público-lector moi concreto, como o caso do Diario de Ferrol (o que rexistra un maior número, aínda que non se observan grandes diferencias coas outras publicacións), e outros: Diario de Arousa, El Ideal Gallego, El Progreso ou La Región.

_ Noticia en suplemento: un 12’8% das notas da mostra seleccionada localízase en suplemento. Dentro desta distribución, sobresae claramente O Correo Galego co seu suplemento diario de cultura “Afa” (75 ocasións, 63’02%) seguido do Faro de Vigo cun total de 17 casos (14’2%) de noticia en suplemento. Convén neste punto precisar as características que nos fixeron considerar a “Afa” como un suplemento (o único diario) e non como unha sección ordinaria. Un dos principias trazos que marcan a diferencia entre “Afa” e outra sección do periódico radica no seu deseño propio e nunha maquetación distinta das súas páxinas. Ademáis, a portada, fronte a calquera primeira plana de sección, destaca unha nota e avanza un sumario de informacións que se amplían no interior. Outros xornais como Diario de Pontevedra ou El Progreso non conteñen ningún suplemento, o único que se pode asemellar é o monográfico sobre o pasamento de Carlos Casares que incluíron todas as publicacións analizadas, pero que, en calquera caso, responde a feitos puntuais que modifican as rutinas de producción.

_ Tratamento gráfico (fotografía, ilustración e infografía): rexistrouse un 87’4% de pezas con presencia de fotografía, o que sumado ós 9 con infográficos (0’9%) e ós 42 (4’5%) con outro tipo de ilustracións (caricaturas de personases, sobre todo), as pezas culturais (informativas e/ou de opinión) sen elementos gráficos suman 65 (7’03%). Este dato non debe sorprendernos xa que, por regra xeral, cada ficha das 924 da base de datos correspóndese con cada unha das pezas principias da sección de cultura, dotadas case sempre da mayoría dos elementos clásicos (titular, entradiña, fotografía…).

_ Noticia en portada interior: un 12’4% das pezas culturais analizadas sitúase nas diferentes portadas interiores. O repartimento por xornais é bastante equilibrado. Neste punto, os datos do semanario A Nosa Terra poden distorsionar relativamente o resultado final porque hai que contar con que sempre ten unha portada tipo suplemento e nela sempre se avanza algunha nota. Este epígrafe permítenos comprobar o grao de interese e a importancia que a cada información lle concede o periódico. Está estreitamente relacionado co espacio que ocupan as informacións na plana. Unha nota en portada terá o suficiente rango como para ocupar un espacio considerable nas páxinas interiores e de igual xeito, invertendo os termos, unha nota que ocupe case a plana completa terá suficiente importancia como para destacarse na primeira.

_ Lingua: aínda que as cifras absolutas correspondentes ó índice de utilización de galego (44’05%) e de castelán (55’9%) están o suficientemente próximas como para celebrar o uso do galego, segue a lamentarse o feito de que na prensa galega predomine o castelán. Entre os xornais estudiados non se aprecian puntos álxidos nin caídas sorprendentes no que toca ó volume de informacións en castelán, pero si no caso do galego, o que se explica pola presencia do semanario A Nosa Terra e de O Correo Galego (ambos os dous íntegramente elaborados en galego), aínda así, cóntanse tres rexistros en castelán dentro de O Correo Galego que se corresponden con colaboracións esporádicas dalgún suplemento.

_ Temática: este dato permítenos coñecer os temas máis ou menos recorrentes no terreo da cultura da prensa galega. O feito de que sobresaia un tema sobre os outros non significa, necesariamente, que teña lugar un maior número de acontecementos que respondan a esta temática, senón que hai temas que se suceden durante varias xornadas ou que a categoría vén decidida moitas veces polo propio xornalista responsable das informacións. Un exemplo de modificación da axenda dos medios que provoca unha alteración dos resultados finais vén dado polo falecemento de dous importantes persoeiros das letras (Camilo José Cela e Carlos Casares), dando lugar a números especiais monográficos e ocupando un bo número de páxinas culturais (as principais moitas veces). Cómpre mencionar tamén no bloque temático de “literatura” os 35 (13’6%) rexistros de A Nosa Terra (semanario) situados preto dos 42 (16’3%) de La Voz de Galicia (diario). En orde decrecente, os temas máis demandados son: literatura (257 rexistros, 29%), artes plásticas (144 rexistros, 16%), artes musicais (103 fichas, 12%), artes da representación e teatro (87 fichas, 10%) e artes audiovisuais e cinematográficas (80 rexistros (9%).

_ Fonte principal: Achéganos cuestións relativas á rede de fontes e mesmo de escenarios dos medios galegos dos que se serven para elaborar as súas áreas culturais. Ordenados de maior a menor quedan do seguinte xeito: individuo (272 rexistros, 29%), Concellos e Administracións (28%). Chama a atención o diario La Voz de Galicia como o que exerce en máis ocasións de fonte (“medios de comunicación”, sete das nove veces que se computou este dato), o que nos obriga a falar das notas autopromocionais sobre a “Biblioteca 120” que tira o xornal enchendo, de media, unha plana, ou dúas, da sección de cultura. La Voz de Galicia tamén é o medio que máis fonte = individuo rexistra (35 casos, 37%), dato que garda unha estreita proporción co campo dos xéneros: non é, con todo, casualidade que sexa tamén o que máis entrevistas contenía (18 dun total de 84, 21’4%).

_ Fonte secundaria: non nos interesa, en valores numéricos, tanto como a principal. Poucas veces se computa e cando se fai responde a casos de reportases ou de informacións con varios puntos de vista (escasas). As informacións (maioritarias) que se fan de acordo con prácticas de rutinización productiva poucas veces atenden ó contraste de fontes. O número de rexistros cubertos é de 45 dun total de 924 fichas (4’8%).

_ Espacio na plana: unha boa parte das pezas culturais analizadas ocupan case a plana completa (doado de xustificar porque tratamos con informacións principias): 342 casos do total de 924 rexistros (37’01%). Nembargantes, non sempre é deste xeito e a razón dánola o Diario de Ferrol e o Diario de Arousa cun maior volume de informacións que ocupan un 1-25% de espacio na plana, con notas breves e moitas delas de repercusión e de procedencia comarcal (20%, e 11’7% respectivamente dun total de 85 fichas).

_ Xéneros: Predomina claramente a noticia, cunha porcentaxe do 72%. Inmediatamente detrás sitúase a entrevista (84 rexistros, 10%), a crónica (57, 6%), o artigo de opinión (47, 5%) e a crítica (40 fichas, 4’3%). Se efectuamos unha pequena desagregación por medios estudiados, observamos que o xénero predominante no semanario A Nosa Terra é a crítica, especialmente de obras literarias e cinematográficas e en La Región a crónica, porque se inclúe diariamente na única plana fixa de cultura.

_ Orixe da información: tradicionalmente distínguense os seguintes procedementos de acceso e de obtención de datos: o contacto persoal; informadores espontáneos; informadores concertados; comunicación escrita (notas, comunicados oficiais, bandos, manifestos…); publicacións, convocatorias e centros de datos (arquivo propio, hemeroteca, bases de datos…). Os resultados deste informe particular, cuns parámetros concretos, permítennos saber como lle chega a información ó medio e a través de que canles. En orde decrecente quedan do seguinte xeito: producción propia: 56%, convocatorias (23%), axencias informativas (10%). Por medios, hai que comentar a dependencia do Diario de Pontevedra das axencias á hora de conseguir información cultural (24’1%) e o amplo volume de producción propia que manexa La Voz de Galicia con 82 dos 522 rexistros totais (157%), notas de prensa ou comunicados (6’6%) e sen determinar (3’5%).

_ Liña de creto: permítenos debuxar un mapa bastante preciso da rede de xornalistas encargados das áreas culturais dos distintos medios galegos así como a maneira na que distribúen polo radio de cobertura do xornal. Naquelas publicacións nas que teñen definida con claridade a sección cultural, adoitan traballar un ou dous redactores, un na maioría dos casos que coincide cun cargo de relativa responsabilidade (dando conta polo menos das pezas culturais e posuíndo un certo grao de especialización), algo que non acontece nos medios nos que a información cultural se mestura, confunde e mesmo late noutras seccións estructuradas de acordo cun criterio temático ou xeográfico (“local”, “sociedade”, “ocio”…), onde os xornalistas xeralistas estran a manifestación do seu saber por distintas disciplinas, algunhas incluso dispares.