INTRODUCCIÓN:

INFORME. “A CULTURA NA PRENSA PERIÓDICA GALEGA”

O Informe “A cultura na prensa periódica galega”, elaborado por Xosé López García e Montse Calvo Sánchez, da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, foi presentado durante a celebración do “Encontro: A Información cultural en Galicia: algunhas ideas para un cambio” organizado por este Consello o 30 de abril de 2002.
Nesta xuntanza participaron Carlos Reigosa (director de Publicación, Análise e Estilo da Axencia EFE) e Manuel Rivas (escritor e xornalista), que falaron sobre “A información cultural hoxe”; Aliana Iraizoz (directora do programa de La 2 “Metrópolis”) e Paz Ramos (directora do espacio de RNE “El ojo crítico”); e Ramón Chao (xornalista e coordinador de emisións en castelán e portugués para América Latina de Radio Francia Internacional), quen propuso “Algunhas ideas para a información cultural do século XXI”.
Tamén interviron o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Luis Álvarez Pousa e o director de ámbito cultural de El Corte Inglés, Ramón Pernas, para trata-lo tema da “Información específica da cultura nos medios de comunicación”; así coma o tamén profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, Víctor F. Freixanes; o profesor da Universidade de Málaga, Juan Antonio García Galindo; os docentes da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Esteve e Javier Fernández del Moral.
Precisamente foi neste contexto no que se presentou o informe “A cultura na prensa periódica galega” que se reproduce nesta páxina.


A CULTURA NA PRENSA PERIÓDICA GALEGA


Autores: Xosé López García e Montse Calvo Sánchez
Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega

“O informe que agora se presenta responde a un seguimento de áreas culturais na prensa periódica da nosa comunidade, elaborado pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, no seu propósito de radiografiar a manifestación dos diferentes acontecementos culturais nos medios de comunicación impresos. En ningún momento se pretende chegar a conclusións pechadas, senón descubrir as tendencias predominantes nas axendas dos medios galegos.

O obxecto deste estudio comprende as seccións da prensa periódica galega identificada visual e nominalmente como “Cultura” ou Cultura e bloque temáticos adxacentes (“Cultura y Ocio”, “Cultura y Sociedad”, “Cultura y Comunicación”…). Ademáis destas áreas, tamén incluímos no noso estudio as pezas culturais localizadas nas páxinas de información local daquelas cabeceiras que carecen dunha sección específica dedicada ó tratamento deste tipo de feitos. Este procedemento levounos a obviar, moitas veces, a información de carácter estrictamente local nos medios que presentan un espacio diario destinado á cultura.

Por outra banda, na análise inclúense os suplementos que, polo seu contido, son susceptibles de introducir nas súas páxinas productos relacionados co noso estudio. Sirva a modo de exemplo o caso de “Faro del Ocio”, tirado os domingos polo xornal Faro de Vigo e que contén temas propios do mundo do lecer nas súas máis variadas formas (polo tanto, tamén cultura).

A metodoloxía consistiu nun seguimento das publicacións en días alternos durante os tres primeiros meses do corrente ano 2002 (xaneiro, febreiro e marzo), realizando un baleirado exhaustivo das pezas informativas ou de opinión principias localizadas no obxecto de estudio. As publicacións das que se botou man son as diarias: La Voz de Galicia (Edición Santiago), El Correo Gallego, O Correo Galego (“Afa”), El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, La Opinión, El Progreso (Edición Lugo), La Región, Atlántico Diario, Faro de Vigo (Edición Santiago), Diario de Arousa e Diario de Pontevedra. A elas engadíuselles o semanario A Nosa Terra. O número de exemplares consultados é de 45, no caso da prensa diaria, e de 12 no da prensa semanal.

Os datos obtidos foron peneirados a través dunha base de datos e estructurados nun total de 17 campos destinados a facilitar o labor do investigación na busca dun retrato fiel do tratamento informativo dos feitos culturais. A base de datos pechouse cun número total de 924 rexistros, o que se corresponde coa nosa mostra de estudio. Os campos trazados son os seguintes:
_ Nome do xornal: identifica o medio do que falamos.
_ Data: sitúa temporalmente a peza cultural.
_ Espacio de texto: espacio que ocupa na plana a peza cultural. Desprégase nos seguintes subcampos: 1-25%/ 25-50%/ 50-75%/ 75-100%.
_ Noticia en portada: rexistra o total de pezas que teñen un lugar na portada da publicación.
_ Foto en portada.
_ Espacio en portada.
_ Noticia en portada interior: rexistra o número total de pezas cun lugar na portada interior. Enténdese por “portada interior” a primeira páxina das seccións de cultura, a primeira dos suplementos ou a primeira dos encartes especiais (monográficos, por exemplo). Esta portada deberá diferenciarse das outras páxinas e ir identificada cunha cabeceira, polo menos na banda superior da plana.
_ Tema: determina a temática da peza cultural. Recóllense os seguintes: literatura/ nomeamentos/ políticas culturais/ premios/ presentacións/ tecnoloxía/ artes audiovisuais e cinematográficas/ artes da representación e do teatro/ artes musicais/ artes plásticas/ debates, coloquios/ industria cultural/ cultura popular, xornalismo/ outros.
_ Xénero: identifica o xénero xornalístico que se escolle para dar a coñecer o feito cultural. Neste campo están representadas as áreas tanto da información como da opinión. Son os seguintes: artigos de opinión/ columna/ crítica/ crónica/ editorial/ entrevista/ fotonoticia/ noticia/ reportaxe/ outros.
_ Sección: sitúa o acontecemento cultural nunha das seguintes áreas temáticas: cultura/ sociedade/ suplemento/ outras.
_ Tratamento gráfico (fotografía, ilustración e infografía): marca a presencia na peza cultural dalgún destes tres elementos gráficos.
_ Fonte principal: identifica a procedencia da información ou da opinión de acordo cos seguintes ítems: asociacións/ Concello. Administración/ Deputación. Administración/ Estado. Administración/ UE Administración/ Xunta de Galicia. Administración/ organismos autonómicos públicos/ empresas privadas/ individuo/ fundacións /Fundación Caixa Galicia, Caixanova, Pedro Barrié e outras)/ institucións educativas e (ou) relixiosas/ medios de comunicación/ partidos políticos/ outros.
_ Fonte secundaria: idéntica relación de fontes ca no devandito campo. Non resulta determinante á hora da obtención de resultados xa que en poucas ocasións se cubriu, só naquelas nas que se identificou claramente máis dunha fonte.
_ Orixe da información: define a vía pola que lle chega a información ó xornalista: axencias/ convocatoria/ nota de prensa/ producción propia = fonte propia + xornalista/ sen determinar.
_ Ámbito xeográfico: ou ámbito de cobertura da peza cultural. Recóllense cinco: local/ Galicia/ España /UE/ sen determinar.
_ Lingua: recoñece o idioma no que se elabora a peza: galego/ castelán.
_ Suplementos: si ou non.
_ Liña de creto: determina o responsable/s da peza ou o vehículo de obtención da información (caso das axencias).
_ Observacións: trátase dun campo aberto no que teñen cabida todas as apreciacións, aclaracións ou matices que axudan a identificar o feito cultural e a afondar nas súas características. Normalmente contén a explicación das peculiaridades formais e de contido dos suplementos; os titulares das informacións principias ou a relación de notas breves que aparecen na mesma plana. Tamén se facilitan datos referidos ó número de elementos gráficos ou ós actores ós que se alude nas pezas. Ás veces serve tamén para establecer comparacións entre pezas do propio medio ou de medios distintos. É, en definitiva, un campo que queda ó arbitrio do investigador para facilitar o seu labor de rastrexo.