Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Post... que? (Reflexión)

jueves, 23 de diciembre de 2010
Sen gran esforzo, calquera lector encontraría teorías para todos os POST: Post-industrialismo, post-modernismo, post-materialismo, post-historicismo, post-fideísmo, post-ideoloxismo…Hai un senfín de correntes filosófico-político-sociais no marco da Historia Contemporánea, que poden levar prefixado como denominador común o POST-. Pero, cando menos, coloquialmente, seguro que a todos se nos ocorre formular a pregunta de maneira un tanto analítica, así: POST…QUE?. Incluso en estilo lúdico: Se queredes un novo concepto, dádeme un QUE e prefíxovos un POST.

O curioso é que este xogo de pouca graza encerra unha evidencia: Aínda que todos, con frecuencia, utilizamos ós que me van a permitir que chame conceptos POST, posiblemente moi poucos saben ata que límite estamos vivindo aínda ós QUE deses POST, porque, ademais da influencia causal, ¿ata onde vivimos no modernismo, no materialismo, no ideoloxismo…?. Reflexionemos unha migalliña sobor do último para facilitar a comprensión destos fenómenos.

Intentemos, un pouco, despexar o QUE IDEOLÓXICO.

Comencemos preguntándonos se de veras nos “sentimos” liberados, fora, dun contexto socio-político ideolóxico. Morreron, realmente, as ideoloxías?. Morreu o monolítico, o fideísmo, o dogmatismo, o industrialismo…?. Acaso preocupámonos, salvo excepcións, de investigalo?. Non aparecerán doutra maneira, camuflados, sen perder a súa esencialiade?. Se fose así, sería ben gardar o POST para mellor ocasión. Repito: Morreron as ideoloxías?. Morreron os ideólogos. Porque hoxe cando oimos (que non escoitamos a maioría, salvo os adictos) ós que se fan pasar por nosos “líderes”, a ninguén se nos ocorre pensar que están facendo unha disertación ideolóxica (salvo os VIDEOS do período electoral…QUE PRODIXIOSA MARABILLA!).

Entremos, pois, nesa enleada leira das definicións. Ideoloxía, ideolóxico, son termos abondo ambiguos, pois tanto poden significar un feito social como, a vez, un conxunto de métodos ou instrumentos para combatir, máis emocionalmente que racional ou razoablemente, ó adversario político. Ademais, o QUE ideolóxico adoita ter connotacións de matiz político despectivas orixinalmente -e así o din os entendidos, que non eu-: Foi Napoleón quen cualificou de “ideologues” ós pensadores da súa oposición, sen máis criterio que iso, QUE SE OPOÑÍAN a súas pretensións imperialistas. Entón a ambigüidade xa se fai pezoñenta.

Pero non rematemos aquí. Tamén a ideoloxía pode ser entendida como un instrumento de lexitimación do poder, cando xa non o fai nin a forza nin a divinidade. O que pasa é que, neste caso, devén deformadora da realidade social e aglutinadora de vontades con vistas a conservar a identidade dun grupo de persoas. Desapareceu este QUE con este contido semántico?. Non son poucos os que pensan que si, con destacados intelectuais nesta liña, como, entre outros, é o caso de Dahrendorf, Raymon Aron e Daniel Bell. Este último é autor dunha obra que leva un título moi expresivo, EL FINAL DE LA IDEOLOGÍA. En canto a Aron, que publica EL OPIO DE LOS INTELECTUALES, entende, aquí, a ideoloxía como un sistema global de interpretación do mundo histórico-político.

Sen embargo, se se pensa que procede prefixar POST a estas concepcións ideolóxicas, xurde algo preocupante, que parece indiscutibel que xa non sexa tan claro que se lle poida prefixar na súa acepción de combate do adversario, pois hoxe esta connotación goza de tan boa saúde que arrastra ós “líderes” políticos a utilización dunha linguaxe execrábel e duns instrumentos de combate que raian o infantilismo, cunha pátina de bazofia.

Por conseguinte, políticamente falando, no me extrañaría nada que todo isto pasara ó noso futuro, debilitando as canles de acceso a unha globalización tan complexa, con tantas tendencias abertas, que, sen dúbida, obrigarán a “emparapetarse” en novas definicións, se queremos manter a identidade esfumada. Todo sen perder de vista que as liñas de acceso vainas marcar (xa as está marcando) o mesmo poder, mediante as institucións dominantes na sociedade global, políticas ou non.

Mais son de esperar resistencias desencadeadas por aqueles que están en posicións débiles, atrincheirándose, para sobrevivir, e apoiándose sempre, en escalas de valores distintas das que defenden os grupos predominantes. É o caso dos fundamentalismos, nacionalismos e separacións étnicas, sen que aquí os VIDEOS ELECTORAIS servan de moito.

Algúns estudiosos cren que debían abandonarse as identidades de resistencia, creando o que chaman IDENTIDADES DE PROXECTO, que buscan a transformación de toda a estrutura social no marco da globalidade. Pero o escepticismo e as dúbidas non nos deixan, porque aínda podemos cuestionarnos se o que poidera ser axeitado para unha sociedade determinada e ben delimitada o sería para harmonizarse coa globalidade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES