Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As crises espertan a compaixón

viernes, 13 de diciembre de 2013
Se non queremos enganarnos a nosoutros mesmos, por natureza é bastante evidente que o home móvese principalmente polo egoísmo, máis ou menos solapado, ben sexa tratando de acadar algo que nos produce un certo pracer, ou ben sexa procurando evitar unha insatisfacción ou un determinado dor. Os estudosos fálannos de “móbiles antimorais.”

Como di Schoppenhauer, o egoísmo é ilimitado por natureza, porque o home por encima de todo quere manter a súa existencia e, se pode, verse libre de desacougos fisiolóxicos, psicolóxicos e incluso morais. Obviar isto sería unha verdadeira hipocrisía.

Pero, claro, o home non vive solo; vive coas demais cousas do mundo, inanimadas e animadas, e dunha maneira especial cos seus semellantes. Todo isto faille comprender a súa insignificancia, o pouco que representa en todo este conglomerado, e precisamente esta mesma comprensión pono á defensiva ante os avatares da vida no seo dos distintos sucesos que o contextualizan.

En este “bellum omnium contra omnes” (“guerra de todos contra todos”), do Leviatán , de Hobbes, asoman a cabeza dúas virtudes (se hoxe me permiten falar delas), a XUSTIZA e a CARIDADE, que non só pelexan por triunfar na sociedade, senón tamén na intimidade da persoa humana, á procura de enervar, e se non é posible, minimizar, os efectos dese EGOÍSMO, que sempre ten unha compañeira da viaxe, certamente nada recomendable, a ENVEXA, da que Herodoto xa dicía, en tradución latina, que “invidia ab origine homini insita est” (“a envexa está inserida no home dende a orixe”).

Pois ben; segundo parece, cando os contextos non son de crise como a que estamos a padecer, son poucos os autenticamente xustos (aequi) entre o número incontable de inxustos (iniqui). Así tamén o pensaban os nosos clásicos. E vostedes preguntaranse: “Cantos, entón, habería aquí neste noso país antes da crise, se agora temos tanta corrupción, tanta inxustiza e os índices da envexa aínda cotizan alto?.”

Sen embargo, amigos lectores, temos que valorar certas actitudes positivas que xurdiron neste ambiente de crise. Sería un inexplicable desagradecemento, unha miopía intelectual e un atoamento sentimental non facernos explícito eco delas. Ponderemos os comportamentos daquelas persoas que están sendo capaces de sentir como propio o dolor alleo e son capaces de trocar o seu egoísmo persoal en altruísmo.

Moitos de vostedes preguntaranse tamén como é absolutamente posible que o dolor doutro mova sentimentos e vontades como se fora propio, é dicir, que a indixencia á que foron levadas moitas familias pola crise, o desamparo en que a administración europea e nacional os deixou, a falta de perspectivas de futuro, por neglixencias gobernativas de un escaso sentido da xustiza distributiva e unha falta de eficacia fronte a un capitalismo desalmado, estean incidindo en persoas e entidades non gobernamentais coma se foran problemas mesmo delas.

Está moi claro que estes problemas están sendo tratados como obxectivos propios, cun sentimento personalizado ata o estremo de convertelo nunha esixencia ineludible. E isto sucede porque, afogando a envexa e o egoísmo propio, están sendo capaces esas persoas e entidades de afogar o mal co ben, de chegar a un grao superlativo de COMPAIXIÓN, é dicir, de sufrir cos necesitados, identificándose con eles, suprimindo heroicamente (si...,heroicamente!) esa diferenza que separa o egoísmo do altruísmo.

E este proceso, neste momento de crise, é asombroso e ata misterioso: É, permítanme que o diga, o gran misterio duns corazóns humanos, que non obedecen, senón o último dos tres móbiles fundamentais: O egoísmo, de pretensións ilimitadas; a maldade, cando quedamos insensibles á dor allea, e a COMPAIXIÓN, que comparte a dor e a ledicia do próximo.

Aquí podemos felicitar a agudeza de Rousseau, cando di no libro IV do Emilio que “non é propio do corazón humano poñerse no lugar dos que son máis felices que nosoutros, senón só de aqueles que son máis de compadecer” (Il n`est pas dans le coeur humaine, de se mettre à la place de gens, qui sont plus heureux que nous, mais seulement de ceux, que sont plus à plaindre).

Insisto, estas persoas témolas aquí, impulsadas pola compaixón de quen pasa fame e frío, de quen está baixo os efectos dun fondo afliximento, e sofren con eles, vítimas dunha insensibilidade administrativa que agacha aos necesitados e crispa á maioría dos afortunados.

Pero desta compaixón nacen a xustiza e a caridade, que, partindo de supostos, conceptos, relixións, dogmas, mitos, educación, cultura..., todo impregnado dunha cordialidade non simplemente ritual, senón intimamente sentida, xorden dunha maneira orixinaria e inmediata, porque están agochadas na mesma natureza humana.

É o paradoxal do home!; por iso aqueles que non responden adoitamos cualificalos de inhumanos ou desnaturalizados, e sobre todo nos contextos de crise e nos casos singulares de manifesta inxustiza, como neses casos nos que se sente con especial sensibilidade que a balanza ten os brazos desiguais.

Xustamente por isto, porque vai contra a compaixón e a mesma xustiza e caridade, a sociedade non repara en utilizar estes fortes cualificativos para os que quixeron cubrir o seu egoísmo so capa dun altruísmo interesado, á hora de conceder créditos, sen cumprida información, a familias que hoxe están na rúa, vítimas dunha actitude inxusta, que agora trátase de reprochar e corrixir oficialmente con parches lexislativos. Xa o dicía Séneca, “a ninguén lle ven a boa intención antes da mala” (ad neminem ante bona mens venit, quam mala).

Xuridicamente, din os xuristas que a “xustiza” é dar a cadaquén o que é del; pero do que se trata aquí é máis ben de evitar a inxustiza de sacarlle o que xa ten no seu poder, e neste sentido estaría mellor definida, porque aquí está o estímulo que fai xurdir a compaixón: ver cómo lle sacan o seu a moitas xentiñas, converténdoas en vítimas e, a veces, incluso, con argucias lexislativas para evitarlles sancións ós que son merecedores delas.

Pero nestas fechas non podemos esquecer a “caridade”, que ven a ser o aspecto positivo da compaixón. A xustiza hai que vela dende unha perspectiva negativa, porque se cumpre NON apoderándose do que corresponde aos demais, NEMINEM LAEDERE e SUUM CUIQUE TRIBUERE (“non danar a ninguén e darlle a cadaquén o que lle corresponde”), cando aquí estamos embarcados nas corrupcións, que é unha maneira tramposa de apoderarse do alleo.

Por iso dicimos que a compaixón ten un aspecto positivo, a “caridade”, que xorde facendo partícipes de noso aos demais, OMNES, QUANTUM POTES, IUVA (“axuda a todos canto podas”). Son estas fechas, repetimos, nas que máis reluce esta virtude. E si..., ten unha orixe cristián neste noso occidente; pero tamén, moito antes, encontramos equivalentes nas culturas orientais.

Non quero terminar sen rexeitar a oportunidade das argumentacións de aqueles que, enlamados no lodo fétido dunhas ou doutras ideoloxías, aínda teñen a desvergoña de afirmar que as solucións destas asistencias non están na caridade, porque, se non fora por elas, moitas familias hoxe estarían nun estado lamentable de indixencia; máis aínda: as institucións públicas non teñen compaixón, senón condutas reguladas, e, polo tanto, descoñecen (e regatean) o calor das persoas que se entregan.

Evidentemente, podería ser así se aquelas funcionaran, cando menos, cubrindo as necesidades que cobren estas. Pero moito me temo que, como anda a palabra “caridade” polo medio, lles produza alerxia, xa que contra ela son incapaces de inmunizarse, e baban críticas salpicadas de faíscas ideolóxicas farto superadas.

Sen embargo, os cidadáns vamos aprendendo que non se goberna só con ideas a priori, senón con homes que se responsabilicen. Así o afirmou Filipe González: “ao gobernar aprendín a pasar da ética dos principios a ética das responsabilidades”. Isto non o deberon aprender aínda os de agora que, como gobernar é máis difícil que facer leis, dedícanse a isto último, diluíndo as responsabilidades.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES