A evolución máis positiva rexístrase na etapa de Educación Primaria, cunha taxa de repetición do 0,7 % de media en Galicia (a estatal é do 1,1 %). A baixada é especialmente acusada se se compara co curso 2017/18, onde se rexistrou un 2,1 % de repetidores. No que atinxe á posición a nivel estatal, Galicia sitúase na cuarto comunidade autónoma con menos porcentaxe de repetidores, tras ocupar o posto décimo segundo no curso 2017/18.
En Educación Secundaria tamén se constata unha dinámica positiva cunha redución de 3,7 puntos en seis cursos, ao pasar dos 10,2 % de repetidores no curso 2017/18 ao 6,5 % no curso 2022/23. Esta cifra tamén é mais baixa ca media estatal, que se sitúa no 7 %.
As porcentaxes á baixa de repetidores confírmanse en todos os cursos da ESO, sendo menor no caso de 4º de ESO, onde repetiron o 5,7 % dos estudantes, un punto porcentual máis baixo que o 6,7 % de media estatal neste curso.
En canto á posición entre comunidades, ocupa o sétimo posto con menor porcentaxe de repetidores, cunha baixada significativa desde o posto décimo no curso 2017/18.
Na etapa de Bacharelato, a taxa de repetición en Galicia sitúase no 4,4 % fronte ao 5,9 % de España. Isto supón unha baixada de 3,6 puntos con respecto ao 2017/18. Maila citada baixada, no ránking entre comunidades permanece estable no posto catro, igual que no curso 2017/18.
Programas de apoio
Na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está en marcha un amplo abano de accións específicas dirixidas ao reforzo das competencias académicas e, deste xeito, aumentar o éxito escolar, como así confirman as últimas estatísticas do Ministerio de Educación. Nesta liña cómpre mencionar o Programa para a Orientación, Avance e Enriquecemento Educativo PROA+, dirixido ao alumnado máis vulnerable para axudalo a superar dificultades específicas de aprendizaxe. Cun orzamento de máis de 6,4 M, a través deste programa dotouse de 386 docentes extra a 362 centros educativos e beneficiou a 9.050 alumnos.
A Consellería tamén puxo en marcha a Rede de acompañamento e orientación persoal e fa miliar de Galicia, RAOGAL, un programa de apoio educativo que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2021/22 e que a día de hoxe duplicou recursos coa disposición de 71 docentes responsables que exercen de coordinadores dos colexios e institutos da súa área de influencia para o apoio ao alumnado con maiores dificultades, con especial atención aos que están en risco de abandono escolar, absentista e con dificultades de aprendizaxe.
Outro dos aspectos nos que máis se incide é no ámbito da atención á diversidade como un elemento clave para garantir a educación inclusiva nas primeiras etapas educativas. A este reto responde o programa Acompaña, dirixido á etapa de Educación Infantil e os dous primeiros ciclos de Educación Primaria, dotado con 2,1 M e que este curso conta con 86 profesores e chega a máis de 2.000 alumnos.