Noticias

Galicia solicitará o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa tralo aval do Tribunal Constitucional

A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

A representante do Executivo galego destacou que a resolución xudicial deixa claro que o recurso do Goberno central contra a lei foi máis político que xurídico e que a paralización da normativa responde á diferenza de trato con outras comunidades. De feito, lembrou que a Galicia non se lle deu opción a negociar mentres que a Cataluña e a Baleares se lle recoñeceron como constitucionais os artigos recorridos na lei galega.

Neste sentido, Ángeles Vázquez censurou a actuación do Executivo central dando privilexios a unhas comunidades sobre outras -cando deberían ser todas iguais ante a lei- e a inquedanza innecesaria que xeraron as súas decisións no conxunto da cadea mar-industria e de toda a cidadanía.

“Unha pena que se tivese que chegar a este extremo e que quedara tan de manifesto esa diferenza de trato con outras comunidades”, aseverou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, que asegurou que a Xunta vai seguir traballando na defensa dos intereses de Galicia, máis aló de intereses partidistas, como fixo desde o principio.

Neste sentido, incidiu en que o Executivo galego non mudou de posición en ningún momento, cousa que si fixeron os socialistas galegos, que inicialmente apoiaban a lei e despois se abstiveron na votación.

Seguridade xurídica

A responsable autonómica felicitouse por unha resolución do Tribunal Constitucional que é unha gran nova para Galicia e para todos os galegos ao dar garantías ás arredor de 1,5 millóns de persoas que viven no litoral e ás empresas que desenvolven a súa actividade económica nel. Supón avalar a xestión por parte da comunidade dos seus máis de 2.500 quilómetros de costa e dar seguridade xurídica a un complexo mar-industria que dá emprego a arredor de 40.000 persoas e xera unha actividade económica de 9.000 millóns de euros anuais, preto do 5% do PIB de Galicia.

Ángeles Vázquez tamén salientou que a sentenza xudicial certifica que, como defendeu Galicia, a lei non vai contra ninguén, defende os intereses lexítimos de Galicia no marco das competencias que lle atribúe o Estatuto de Autonomía desde unha tripla perspectiva ambiental, social e económica.

R., 2024-04-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (bus.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para 'garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais' que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar 'un centenar de medidas'. A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como un instrumento para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, sustentable e seguro.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaje.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou 985M€ de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do plan de recuperación. Así, o Executivo autonómico autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M€ e adxudicou o 90%, o que supón 'un grado de execución moi razoable', tal e como sinalou o titular da Administración. Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á comunidade por PIB per cápita.

Notas

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas desenvolve este luns e o martes no Edificio Fontán da Cidade da Cultura as súas XXI Xornadas sobre Internacionalización e Cooperación, organizadas nesta ocasión polas tres universidades públicas galegas. A xornada inaugural presidiuna o reitor da USC, Antonio López Díaz, e contou coa participación dos seus homólogos da Coruña e Vigo, Ricardo Cao Abad e Manuel Reigosa Roger, respectivamente.
Do 6 ao 10 de maio o campus de Ourense acolle a celebración do 12 Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024). Nel participan de xeito presencial ou virtual 77 especialista de 21 países e procedentes de 51 institucións, entre elas a Nasa, o Massachusetts Institute of Technology (MIT), o National Center for Atmospheric Research dos EEUU e as academia de Ciencias de países como China, India e Chequia, ademais de España.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES