Xosé Luis Franco Grande
1936
O lúcido pescudador de si mesmo
Naceu en Tebra (Tomiño), fillo dun mestre rural. Fixo o Bacharelato en Vigo. Logo de abandona-los estudios de Filosofía e Letras, defraudado por aqueles grises anos de Universidade de Compostela, seguiu a carreira de Dereito. Durante os seus estudios universitarios foi premiado cada ano nas Festas Minervais, e no 55 gañou o premio de poesía do Centro Galego de Buenos Aires. Na vida cultural daqueles anos participou intensamente, como tamén despois en Vigo, cidade na que se radicou ó finda-la carreira e na que actualmente traballa e reside. Non hai moito saíu o seu libro de memorias Os anos escuros, I, texto esencial para o coñecemento da resistencia cultural do 1954 ó 1960. Libro lúcido e durísimo, causou tremendo impacto nos mediosculturais e políticos nacionalistas. Tense adicado tamén a tarefas filolóxicas e lexicográficas, e publicou unha obra de teatro.

Franco Grande non publicou o seu primeiro libro poético, Entre o si e o non, ata 1967, e recibiu por el o Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro. Deu logo a coñecer algúns poemas, soltos ou agrupados, en revistas e antoloxías, que recollería con outros no espléndido Herdo de memoria e tempo (1987).

A poesía de Franco Grande xira, segundo Méndez Ferrín, "ó redor da vivencia do propio'eu' (...) O seu texto poético é unha mística da soedade, contraria á aniquilación cósmica...". A súa lingua é moi rica e áxil, o seu verso falsamente libre ten unha sabia cadencia, e son verdadeiramente maxistrais os seus estraños sonetos, algúns con ritmos que antes parecían imposibles.
A ALBERTO MACHADO DA ROSA
Ás veces entro en min
por ver se atopo aquilo meu que eu son
e sempre vexo que non foi comigo
e que son eu quen se me vai das mans.

E sempre volvo a procurarme a min
e nunca vou para ali onde eu son
aquilo que é máis meu
que debo de ser eu...

Ás veces penso que xa estou comigo
cáseque no meu eido,
e despois vexo que aínda falta máis,
máis alá, un pouco máis...

Eu vou metido en min ,
coma quen garda o único que ten
e esguizo os velos que nun deixan ver
o eido onde eu atobo e onde eu son.

Quen dera estar tan só
que un xa non fora mais que aquilo que é;
quen dera estar asi
e ser aquilo que non son ainda...!

A min deixaime así: perdido en min,
esquencido,
sen eido,
sen ninguén!.

Principal