Xohana Torres
1931
Estremecedora, sabia, rigorosa
Naceu en Compostela, pero criouse e pasou a mocidade en Ferrol. Foi alumna de Carballo Calero, e fose orientada por el ou por outras razóns, é unha escritora rigorosamente monolingue en galego. É filla e esposa de mariño, viaxou por mar por gran parte do mundo, e desde hai moitos anos reside en Vigo. No 1955 obtivo o premio de poesía convocado pola Asociación da Prensa de Vigo e fixo declaracións públicas en defensa do galego. Nos anos 60 dirixiu un histórico programa de radio en galego, "Raiz e Tempo", na "Voz de Vigo", gravou discos de poesía galega –é gran recitadora-, deu reciteis e colaborou en revistas. En 1970 gañou o premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires pola excelente novela Adiós, María. Publicou tamén dúas obras dramáticas e escribiu contos para nenos. Actualmente vive moi retirada da actividade pública tanto que non podemos ofrece-la súa fermosa voz-, e escribindo silenciosa e esixente.

Os seus únicos libros poéticos publicados son Do sulco (1957) e Estacións ao mar (1980).

Se Do sulco era xa un excelente libro con grandes logros poéticos, Estacións ao mar (en realidade catro breves libros agrupados), contén unha das obras poéticas máis excelsas que nos é dado ler en galego. O patriotismo, a nostalxia, sobre cóllenno-lo corazón no verso perfectísimo e xustísimo de Xohana Torres, que produce en nós esa rara impresión -e por eso nos sobresalta- das cousas que quizá non poden ser ditas doutra maneira.
ROSALÍA
Ti es pra min a barquiña que lembra
toda presenza de madeiras náufragas
que vive, infinda, unha traxedia líquida
de pairáns sen panos e sen peixes.
Sedenta como un mar
e no teu mar, afogada.

Ti es pra min un pobo pequeniño
de vieiros sen cume, sen riadas,
mergullando no seo case morto
unha virxe canción, inimitable.
Sedenta como un mar
e no teu mar, afogada.

Ti es pra min unha callada piña
de moítas primaveras agardadas
onde xogaron anxos
onde vibraron alas sin movelas,
Sedenta como un mar
e no teu mar, afogada.

Ti es pra min a historia da meniña
que ía soñando praias
astra que deu marea a un ben triste mañán.
Sedenta como un mar
e no teu mar, afogada.

Ti es pra min o lombo dunha sombra
onde todo resulta preguntado
e o paso das persoas faise lene...
Sedenta como un mar
e no tau mar, afogada.

¡Ti es para min a terra dunha tumba,
cumpridamente limpa de pisadas!...

Principal