|
Uxío Novo Neira naceu en Parada de Moreda, na serra do Caurel, onde viviu ata o 1945. Rematou o Bacharelato no 48 en Lugo, e fixo algún curso de Filosofía e Letras en Madrid, onde empezou a escribir poemas en castelán, se éditos, inencontrables. Fixo o servicio militar en Santiago canda Manuel María, que xa tiña publicado o Muiñeiro de brétemas, e no 1952 empeza a escribir en galego, lingua que xa non deixaría nunca. Do 53 ó 62 estivo na montaña natía, recobrándose dunha doenza pulmonar. En 1962 foi para Madrid de novo, e traballou na radio e na televisión. No 1966 regresa ó Caurel, onde casa e ten fillos. Desde hai poucos anos reside en Santiago.
O seu libro Os eidos, editado en 1955 e reeditado varias veces con poemas engadidos, representou a consagración de Novoneyra. As Elexías do Caurel e outros poemas sairían no 1966, e logo outras recollas con varios títulos que inclúen poemas dispersos ou inéditos deste poeta de escasísima e sempre depurada obra.
A poesia de N. ten moi pouco que ver coa dos outros paisaxistas galegos. Novoneyra é-valla a aparente contradicción- un poeta silencioso, e os seus poemas van moito máis alá do texto. As palabras pouquísimas evocan dun modo máxico o mundo no que o home esta inmerso, designando as cousas para que estas aparezan perante nós. Non describe: evoca, invoca. E hai outro Novoneyra coral, heroíco: o da Letanía de Galicia, do Viet Nam Canto. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|