|
Naceu en Teis, Vigo, e reside desde moi novo en Compostela, onde estudiou. Ainda que non publicou o seu primeiro libro ata 1967, dérase xa a coñecer moito antes como poeta, e gañou os premios dos anos 59, 62 e 63 das Festas Minervais. Foi fundador da Agrupación Cultural "O Galo" e participou en moitas iniciativas culturais e políticas galeguistas: Escola Aberta, Pedrón de Ouro, Museo do Pobo Galego, Partido Socialista Galego... No 1988 foille outorgado o premio de creación cultural "Xunta de Galicia". Aínda que cursou estudios de Dereito, gañou a vida sempre como comerciante.
Fóra dos poemas anteriores saídos en publicacións periódicas, Garcia-Bodaño estreouse en 1967 con Ao pe de cada hora; Tempo de Compostela, que foi Premio da Crítica, saíu en 1979. Desde aquela publicou outros poemas en cadernos colectivos e revistas.
A breve obra de Garcia-Bodaño xira principalmente ó redor da conciencia cívica e das vivencias eróticas. Sobrio de expresión pero latexante de emoción lírica, aparece afestado do socialrealismo e máis dado á expresión directa do sentimento patriótico. O libro Tempo de Compostela é unha espléndida visión lírica da cidade expresada en versos de gran poder evocador. O seu verso tende a ser libre, pero nalgunha das súas últimas parcas entregas cultiva con extraordinario acerto unha forma tan cerrada coma o soneto clásico. Poeta limpo e claro, Garcia-Bodaño é unha das grandes voces da súa xeración. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|