|
Manuel María Fernández Teixeiro naceu nunha podente familia labrega de Outeiro de Rei, preto de Lugo. Nesta cidade residiu durante o seu Bacharelato cun tío cura, e frecuentou a amistade de Pimentel, Anxel Johán e Anxel Fole. Non rematou os seus estudios de Filosofía e Letras, e unha vez casado, instalouse en Monforte de Lemos, onde traballa de procurador dos tribunais e rexe coa súa esposa Saleta Goi a Libreria Xistral. Na súa vida activísima de militante da cultura e da política, dirixiu a colección "Xistral" de poesía, plataforma inestimable de varios poetas máis novos ós que apoiou xenerosamente, colaborou e colabora con artigos na prensa, organiza actividades e recita e dicta conferencias sen descanso en tódolos sitios onde é chamado, sexan en Galicia ou no exterior. Premiadísimo en certames poéticos, é tamén narrador, ensaísta e dramaturgo e gran conversador.
Foi o primeiro poeta mozo que editou un libro na postguerra, o Muiñeiro de brétemas, publicado no 1950. Desde entón, trinta libros de versos compoñen a súa bibliografía poética, a máis extensa da literatura galega.
A inmensa obra de Manuel Maria resiste á súa definición sucinta pola concorde variedade da súa musa, desde o intimista ó rabiosamente político, desde a cantiga popular ó soneto. Algunha crítica estreita céntrase nos seus desacertos, que sen dúbida os ten, pero quede ningún xeito poden facer esquecer que Manuel Maria é un dos máis grandes poetas galegos de tódolos tempos. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|