Luz Pozo Garza
1922
Poderosa, sensual, espléndida
Naceu en Ribadeo. En 1936 trasladouse a Lugo, sendo seu pai perseguido polo fascismo, e logo a Larache (Marrocos). Despois vivíu durante bastantes anos en Viveiro. Fixo estudios de Música, de Maxisterio e de Filoloxía Románica, estes últimos na Universidade de Oviedo. Actualmente reside en Vigo, onde de longo ocupou a cátedra de Literatura española nun instituto. Colaborou en gran número de publicacións literarias, e dirixiu co seu esposo Eduardo Moreiras a revista de poesía e crítica "Nordés".

Luz Pozo iniciou a súa obra poética en castelán, pero paulatinamente foi tomando opción clara a favor do galego. Na nosa lingua publicara xa en 1952 O paxaro na boca. En 1976 saíu Verbas derradeiras, que afortunadamente non foron, pois seguiron Concerto de outono en 1981 e Códice Calixtino en 1986.

Méndez Ferrín discute, ó noso ver con acerto, o influxo de Pimentel no primeiro libro de Luz Pozo, no que segundo el se espande "unha esplendidez sensual que rebasa en arrebato ó seu pretenso modelo". E na súa obra posterior afóndase esta sensualidade nunha poesía veraz e profunda (o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade) envolta nas galas dunha expresión sonora de magnifica musicalidade. "Cada poema", di o mesmo Ferrín, "resulta (...) unha catedral na que músicas e ecos e todo o universo latexan e se volven contra o seu propio centro litúrxico". Nunha palabra, unha gran poeta de espléndida madurez.
O GAITEIRO
Os anxas de Galicia
tocaban armónicas negras.

Este home trae herba nos pés
e un regato de violís nas maus.
Polas súas coxas
ruben hedras de música.

Non petedes nas portas de noíte
nin botedes a rolo as pombiñas,
que este home
trae tódolos paxaros na súa gaíta.

Xa non se deitan nenos polos prados.
O gaiteiro fai fitas de millo .
e na súa boca hai vento de oriolos.

A mesma chuvia, vertical citola,
non baixa desde Deus, rube da gaita.

Principal