|
Naceu en Santa María de Isorna (Rianxo), e estudiou para cura no seminario de Tui. Ordenouse en 1948, e foi párroco en dúas freguesIas do Baixo Miño. Segundo lle temos escoitando ó noso finado amigo Xosé María Álvarez Blázquez, Rey Romero tiña fillos que o trataban de paí e non de padre nin tío, sen ningún escándalo da parroquía, pero si da xerarquía eclesiástica. Problemas co bispado levaríano a trasladarse a Buenos Aires, onde exerceu na parroquía de Balbanera, e onde morreu, de accidente segundo as nosas noticias non comprobadas.
Publicou a Teoría general de la existencia e dou libros de poesía en castelán. En galego, deu ó prelo Doas de vidro (1951), Catro sonetos ó destino dunha rosa (1952), Escolanía de meiros (1959), e Poema das materias sagras (1960).
A poesía de Rey Romero ten unha especial tenrura franciscanista. Na Escolania de meiros constrúe uns sonetos de gran perfección e domina o hendecasilabo como moi poucos poetas da nosa lingua o fixeron. Do Poema das materias sagras di Méndez Ferrín: "...semella próximo á poesía católica de Paul Claudel e presenta unha excelente tersura formal e unha ousadía, por veces grande, na creación de imaxes e relacións culturais". |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Máis que melro cantor, eres larpairo.
(Se che ofendo, disculpa o que che digo)
Nomearche a cereixa, a uva, o figo...
auga debe facerche no peteiro.
Esa sona que tes de lambisqueiro
xa non é nova, que che ven de antigo,
porque dunha figueira es máis amigo
que da pola listrosa dun loureiro.
É o teu gozo meirande andar de esmorga,
pois sabes que ó que ten valdeira a andorga
elle imposibre ter o ánimo ergueito.
Anque o teu proceder eu non comparto,
cando vexo que tes o buche farto,
que che faga, desexo, bon proveíto. |
|