Manuel Prieto Marcos
1905-1945
"Versos en gama de gaíta"
ROMANCE DAS AMAVIAS
Versos en gama de gaíta
Naceu en Tui, e quedou moi novo orfo de pai e de mai. Tivo que ingresar no Hospicio de Pontavedra, onde proseguiu os estudios de música que antes iniciara. Foi músico militar, e logo subdirector da Banda Municipal de Vilagarcía, ata que emigrou á Arxentina no 1928. En Buenos Aires dirixiu varios coros galegos e compuxo a música e letra de varias cantigas.

Publicou os seus primeiros poemas no "Correo de Galicia" e noutros periódicos da emigración galega, a partir da súa chegada a América. En 1943 publicouse a súa recolla Versos en gama de gaita, que é o seu único e breve libro. Unha enfermídade incurable que arrastraba findou a súa vida o 21 de xuño de 1945, quince dias despois de face-los corenta anos.

A poesía de Prieto Marcos é delicada e fina, formalmente moi vencellada a Amado Carballo e ós metros populares nos máis dos seus poemas. Noutros lugares aparece a nostalxia do emigrante expresada cunha gran nobreza e economía. Se ben non é un dos grandes (e a culpa é quizais do curto tempo da súa vida), algúns dos seus poemas merecen ben un iugar nas antoloxías.
Repinicando pandeiros
voltaban da romeiría.
No colo da noite, a lúa
desmacelaba surrisas.
Cantaban as carricantas;
a néveda, recendía;
o mar rosmaba pregallas
i-o piñeiral picardías.
Sen herbas de namorar,
xa están, ai, as amavías.

Rufo e solermeiro o mozo,
i-a rapaza manseliña,
-Queda na miña compaña,
que teño de ter amiga.
-Se non chegare con todos,
ao meu pai qué lle diría?...

Nos pandeiros peteiraban
paxaros da lonxanía.
Bringuelo coma vimbial
o corpo da rapariga
no enredo baril das mans
lizgairas e veleíñas.
No piñeiral -vella alcoba
deulles o moucho a benvida;
deulles a frouma almadraque,
doseles a madresilva.
I-a lúa, fada souril,
desfollaba margaridas.

Pol-os camiños da noite,
cara os camiños do día,
andaba a sementar bágoas
a rapariga.

Principal