Luís Seoane
1910-1979
O Épico da emigración
Naceu en Buenos Aires, fillo de emigrantes, Fixo o Bacharel na Coruña e Dereito en Santiago, onde participou na actividade política e cultural estudiantil. Exerceu de avogado laboralista na Coruña e foi membro do Partido Galeguista.

No 1937 exilouse no Buenos Aires natío, e foi o principal promotor de moitas empresas culturais da emigración e do interior (revistas, editoras, o complexo de Sargadelos, etc.). En 1964 apoiou a fundación da UPG. A súa obra como artista gráfico foi importantísima: debuxante, gravador, deseñador de libros e de obxectos cerámicos, cartelista, pintor, Luís Seoane é un dos máis grandes plásticos galegos de tódolos tempos, e sen dúbida o máis completo e universal. Nas últimas décadas de súa vida, alternou a residencia en América con viaxes a Galicia. Morreu na Coruña.

Como poeta publicou Fardel de Eisilado (1952), Na brétema, Sant-lago (1956), As cicatrices (1959), e A maior abondamento (1972). No 1977 saíu un volumen coa súa Obra poética enteira.

Seoane é un poeta esencialmente épico: o protagonista dos seus libros é o pobo galego, e moi especialmente os emigrantes. "É a súa unha poesía dirixida a configurar a conciencia histórica e social dun pobo asoballado", di Méndez Ferrín, que tamén opina: "...a súa dicción é ríspida, monótona, pouco matizada e pouco dúctil. Usa dun verso libre brusco e xoto...".
A FONTE
Semellaba o vello un vagamundo,
unha braga ao meio da coxa
máis curta a outra e de diferente coor,
desguedellado e arrodeado de moscas,
ollando cara a fonte.
Un burato con picho no muro,
a fonte da rúa do Franco,
con unha auga mellor que outras,
que roidosa enchía as sellas
cantando a auga e brincando.
Ao agachárese as mozas
amostraban as pernas, as coxas
frescas como a auga da fonte.
Eso é todo o que agardaba,
encostado, desdenoso, no muro,
aquel vello que semellaba un vagamundo.

Principal