Luís Pimentel
1897-1958
Cantor do terror e da infancia
Luís Vázquez Fernández Pimentel naceu en Lugo, e morreu na mesma cidade, que practicamente non deixou máis ca para estudiar Medicina en Santiago e Madrid, onde viviu na Residencia de Estudiantes e entrou en contacto cos membros da xeración española do 27. Por aqueles tempos colaborou na revista "Ronsel". No 36 parece que desapareceu, no saqueo da editorial Nós, un libro do que unha versión en castelán, Barco sin luces, saíu á luz póstumo, en 1960. En 1950 publicara a plaqueta en galego Triscos, e un ano despois da súa morte publicouse Sombra do aire na herba.

A represión franquista, que a el non o afectou personalmente, aterrorizou a Pimentel, home extraordinariamente sensible ó sufrimento alleo, dun modo absoluto. Froito deste terror solidario son os seus poemas da serie Cunetas, só coñecidos fragmentariamente antes da publicación dos seus inéditos en 1981.

Luís Pimentel, pese á brevidade da súa obra, é un dos máis grandes poetas galegos. Del di Claudio Rodriguez Fer: "A súa poesía foi sempre intimista, pero ao mesmo tempo moi sensíbel ante o dor humana e a inxusticia social (...) Pódese dicir que foi un poeta tan solitario como solidario (...,) Estilisticamente, Luis Pimentel caracterizase por unha expresión formal extraordinariamente sobria, sinxela e antirretórica, aínda que pode emparentarse polo seu espírito e recursos semánticos co postsimbolismo".
A ROSALÍA
Non convén chorar máis.
Ela choróu por todos e pra sempre.
Calemos?
Eu véxote así:
crespós nas estrelas,
ollos abertos de nenos mortos cravados nas salas do pazo.
Calemos?

Nos cucrunchos acendéronse os altares do silenzo;
choiva de froles de estameña nos tristes pasadelos,
coa túa boca torta chamas a mortos
e náufragos dende a solaina,
antre a brétema, en serán infinda,

Delantal de camposanto e campás antre mar e brétema;
Barco negro e morto no camiño:
pómulos marelos deformes pola door;
balcón endexemáis aberto cheo de paxaros e follas secas;
seios esprimídos hastra a derradoira gota de luz;
maos antre mirto e lúa, debaixo da auga verde do estanque.

¿Qué fas na serán que está esmorecendo sempre
ou na noite que endexemáis se ramatará?

Sin corpo, sin traxe, sin bruído,
coroa de somas, múseca de pianos enloitados...
(Chove sobor das rosas e da escalinata do pazo).

Principal