Florentino Delgado Gurriarán
1903-1986
Os idilios da paisaxe
Naceu en Córgomo, no concello de Vilamartin de Valdeorras, e estudiou a carreira de Dereito na Universidade de Valladolid. Emigrou despois a México, onde casou con mexicana filla de galegos e se afincou en Guadalajera de Jalisco. Trabou contacto cos exiliados republicanos en México, entre eles con Luis Soto e o seu grupo, e participou un tempo nos seus traballos, ainda que ó parecer terminou afestandose por non cadrar conforme co radicalismo social e nacionalista destes.

O seu primeiro libro é Bebedeira, publicado pola editorial NOS en 1935 (segundo Méndez Ferrín, segundo outros no ano anterior; parece non haber pe de imprenta). O libro Galicia infinda saíu en 1963, pero algúns poemas era xa coñecidos, dous deles po-la Escolma de poesía galega de Del Riego. En 1981 publicouse Cantarenas. E tamén autor dalgunhas magníficas versións de poetas franceses modernos publicadas no libro Poesía inglesa e francesa vertida ó galego, Buenos Aires, 1949.

A poesía de Delgado é moi próxima á escola de Amado Carballo, e destaca por un extraordinario luxo verbal. A paisaxe é o seu tema principal, sexa o da Galicia natía, sexa o de Jalisco (Nova Galicia), que inspira algúns brillantes poemas de Galicia infinda.
NAMORAME O FEITIZO DO TESOURO
Nin crásico cipreste: xeometría
circia e lanzal, do reiseñor capela,
mística oxiva, ergueita centinela
de vello pazo ou da espadana esguía.

Nin os bidos en verde teoría
veira da estrada a debecer na arela
de camiñar e camiñar por ela,
romeiros dunha eterna romería

Nin o eucalipto a acoitelar os ventos;
nin o piñeiro a marmular concentos;
ni a esmeralda a tremer dos ameneiros...

Namórame o feitizo do tesouro
-fino brocado de candeas de ouro-
enfeite dos petrucios castiñeiros.

Principal