Fermín Bouza - Brey
1901-1973
O novo trobador
RETORNO
Naceu en Ponteareas, pero criouse en Vilagarcía de Arousa. Estudiou a carreira de Dereito na Universidade compostelá, e despois seguiu a de Filosofía e letras. Vinculando ós novos movementos literarios e culturais de Galicia, foi un dos fundadores do Seminario de Estudios Galegos. Gañou oposicións a Xuíz de Primeira Instancia, pero adicouse durante toda a súa vida ós estudios de prehistoria e etnografía, temas sobre os que publicou gran cantidade de monografías e artigos. Escribiu tamén ensaios sobre Rosalía e a poética pondaliana.

En 1925 publicou a curtísima novela Cabalgada en Salnés, e en 1933 o libro de poemas Nao senlleira, estandarte do neotrobadorismo que inventara
Xoán Vicente Viqueira. En Seitura, editado en Portugal no 1955, recolle tamén entregas posteriores. Outros dispersos en revistas foron recollidos na súa Obra
literaria completa, publicada en 1980.

"Riquísimo, musical e frondoso poeta", lle chama lapidariamente Méndez Ferrín. Bouza foi dono consumado das técnicas dos nosos Cancioneiros medievais, e construíu unha poesía de feitura antiga que non por eso se deixa enguedellar no labirinto da recreación arqueolóxica. Por outra parte, non se cingue só ós metros dos trobedores: o romance, o soneto, o alexandrino, teñen en Bouza-Brey un dos máis altos cultores da nosa literatura.
Mol rabanda do Mundo,
sabrosa terra nai,
que ventura manxarte
como un liríco pan
e chantarche a dentamia dos ollos
na códea vidal,
madura, recendente,
vizosa, a latexar!..
Somentes ti me sacias
a fame perennal.
Regusto de alonxarme
para logo voltar,
e adormir no teu colo
abranguendo o teu van,
como un Miño quencido
polo peito dos vals,
coas augas quedas, quedas,
sen presa polo mar.
Salcóchate de estrelas,
que é o teu doado sal,
ollece de liñares
a máis n0n verdexar.
Afúmate de brétemas
no caínzo do serán,
que os sentidos precisan
de ti, fogaza albar;
de ti, suprema bica
e propia caroal;
de ti, en sazón e chea,
ouh Galiza maná!"

Principal