Eduardo Blanco Amor
1897-1979
Avangardista de feitío clásico
Naceu en Ourense, e moi novo emigrou á República Arxentina, onde pasou a maior parte da súa vida. Alí desenvolveu actividades culturais dentro da comunidade galega, vivindo do seu traballo na prensa bonaerense. Como corresponsal viaxou a España, e foi amigo dos poetas do 27, especialmente de Lorca, do que prologou os Seis poemas galegos. Volto á Arxentina, defendeu a causa da República, e vencida esta, colaborou nas actividades políticas e culturais dos galegos éxules. Xa vello, voltou para Galicia e residiu en Vigo ata a súa morte en decembro de 1979.

Antes do 36, Blanco Amor fora fundamentalmente poeta (Romances galegos, 1928, e Poema en catro tempos, 1931]. Pero a partir destas datas empeza a súa obra narrativa, primeiro en castelán e logo en galego. A esmorga foi unha novela esencial no desenvolvemento da narrativa galega. Despois publicou a recolla de contos Os biosbardos, a ambiciosa novela longa Xente ao lonxe, e dous volumes de teatro. O Cancioneiro,de 1956, é a súa única obra poética destes tempos.

Se Blanco Amor é un dos maiores novelistas galegos de tódo-los tempos, non alcanza tal altura como poeta, aínda que é certamente moi estimable. Nos seus versos aparece un notable influxo do hilozoísmo de Amado Carballo, seu malogrado compañeiro de xeración, e pegadas modernistas aquí e acolá.
A PESCA (Pastoral)
Agarimantes cóxegas, moxenas
no teimoso cristal, bulinte espello
dos vimios confidentes pola beira.
Sobro de nós, dondo silenzo, o ceio.

O paixe foi, seu pulo e bris de prata,
un istante no tempo de ar e rede;
dempois, nota e puñal, fendeu as augas,
arrepío de luz na linfa verde.

Como ispido na forza do seu arco,
lanzal teu corpo, sen ferir a area,
sortíuse con lediza de venablo
para o cachón das augas balbordeiras.

Eu témero de ti, cos teus alentos
na aperta da fondura entebrecidos,
funte buscar nos arcos medoñentos
onde amolece o sol en mornos limos.

Tremantes de tolicie, prata e riso
o peixe e ti, nos verdes solagados,
xa as guirlandas da morte en rodopío,
foron a dar nas redes dos meus brazos.

Principal