Dictinio del Castillo
1906-1987
Un romántico fóra do seu tempo
Este poeta ferrolán foi por certo un home de vida ben singular. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago e fíxose oficial de Mariña de Guerra. No 1936, foi preso en Cartagena polos republicanos e posteriormente liberado, e esto valeulle despois un estraño xuízo sen acusación fiscal dos franquistas e a perda do seu emprego, no que foi reposto despois da morte de Franco. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Murcia, e nela foi profesor de Filoloxía Galego-portuguesa. Tamén profesara filosofía no Instituto de Cartagena e inglés no de Murcia. No 1953 marchou á República Federal de Alemania, onde viviu ata o 1983 e foi durante vinte anos lector de español na Universidade de Würtzburg.

Publicou en 1934 o libro Nebulosas, en español, e en 1943 Lirios de Compostela, que contén bastantes poemas en galego. No 1955, Fernández del Riego publica na súa Escolma de poesía galega sete poemas deste autor, que di tirados de dous libros inéditos, O espello das brétemas e o leito de somas. Co título precisamente de O espello das brétemas e outros poemas apareceu unha recolla da súa poesía en galego o mesmo ano da súa morte. En castelán publicara bastantes libros, entre eles o premio Adonais de 1945, La canción de los pinos (título ben revelador), que Otero Pedrayo chama "prezado tributo a Occidente, á Céltiga e ó seu espírito".

Dictinio del Castillo foi un home de estraña vida e de estraña poesía, que ás veces dá a impresión de algo fóra de tempo, coma se fose un romántico serodio do século pasado.
A MORTE E O POETA
Baixo o luceiro da tarde
veu a Morte a me falar
con parolas de silenzo,
de néboa i escuridá.

-¡Ouh, Virxe, déixeme agora
vivir en calma i en paz
sin pensar que todo fuxe,
sin na tomba maxinar!

-Non podo, bardo, non podo.
Xamáis diso gozarás,
pois fice da túa ialma
un leiro pra me deitar.

-¡Deixame un instante só,
un instante nada máis,
un instante sin concencia
de que vivir é pasar!

-Non podo, porque na entrana
mantés un verme voraz.

¡Non che hai máis morte que o tempo
que leva o río pra o mar!

Principal