Augusto Casas
1906-1973
A presencia da saudade
A BORDO DO VENTO
Naceu en Ourense e fixo a carreira de Dereito na Universidade de Santiago. Por aquelas datas ingresou no Seminario de Estudos Galegos e desenvolveu notable actividade literaria en revistas e xornais, e destacou como comentador das tendencias de avangarda. Como funcionario no Ministerio de Gobernación, residiu en Barcelona na súa madurez, e alá morreu.

Publicou unha narración lírica en prosa, Muiñada de estrelas, en 1926, e o libro de poemas Vento segrel no 1936. No 1925 publicara un libro de poesía en castelán. Despois dun longo paréntese durante e despois da guerra civil cultivou a biografía en castelán e a poesía principalmente en galego: Cántigas da noitee moza (1950), Isa folla que vai polo río (1954), Alén (1962), Servidume da treva (1965).

A poesía de Augusto Casas xira ó redor da Saudade. Se inicialmente non está exenta de certos contactos con Amado Carballo (pero case nada innovador, pese ó seu interés polas avangardas), nos seus libros de madurez vaise facendo cada vez máis intimista. Os seus libros derradeiros conteñen unha poesía depurada, densa, onde uns hendecasílabos de nobre factura logran un ton melancólico verdadeiramente sobrecolledor.
Perdida vas no vento asulagada,
teimando debecer no mar que leva
o cristal embazado da túa ollada
e o ollar inxel do orballo que te enleva.

Eu véxote chegar calada e núa
e sinto o teu surrir nos meus ouvidos,
baixo os veos da mágoa e da garúa
os lumes dos teus ollos debecidos,

Chegas a min para cóutarme o peito,
un a un os latexos que me enxoitan
no colo ermo do brañal estreito...
I as trevas medran e conmigo loitan.

A túa verba de areas e de sedes
arríncame a legría, a fonte cala,
e teño o mar en arelantes redes
cando lúas de dor a noite exhala.
¿A morte es? ¿A morte? Eu non sabía
que eras un río de afiado gume,
¡unha lúa de esquezos muda e fría
que ao vento sega seu cordial arume.

Eu ámote no intre adoecido
cando quero chegar ao Alén apresa
e ledo vou no teu o!lar xunguido
polo fondo ronsel da treva acesa.

O río i os meus brazos no balbordo
van os peitos da noite encadeando.
Tí me levas i eu vou no vento abordo...
Unha mañan de rosas vai chegando.

Principal