Lois Diéguez
Ira Civil. canto colectivo
Naceu en Monforte de Lemos no 1944. Estudiou o Bacharelato na súa cidade natal - onde recibiu clases de Manuel Maria en materia de Literatura -, e despois fixose Enxeñeiro Técnico Topógrafo en Madrid. Desde 1972 traballa como topógrafo do Concello de Lugo. No 1968 comezou a súa militancia na UPG, e foi un dos fundadores da ANPG e seu secretario
A obra literaria de Lois Diéguez, toda en lingua galega, é fundamentalmente narrativa: A torre de Babel, publicada no 1 968, O tempo sen saida, Galou Z28, A canción do vagamundo (Premio Blanco Amor 1986) ou Artusa son algúns dos seus titulos. Tamén colabora en diversos medios informativos e é activo conferenciante e recitador.Non obstante, a súa primeira entrega literaria individual foi un libriño de versos, Albre de espranza, no ano 1966, ó que seguiron
Canciós pra un agromar branco i azul no 1968 e O ferro dos dias en 1982.
E a súa obra poética continúa, se ben nun plano menor en relación coa súa narrativa.
As Canciós pra un agromar... conteñen poemas de carácter político e social, nos cales transloce de cotío unha vontade de erixirse na voz dos sen voz, ás veces mesmo usando a primeira persoa do plural, coma no excelente Eu son a voz do pobo, que foi unha das cancións máis emblemáticas dos Voces Ceibes.
No seu seguinte libro, Diéguez evoluciona cara a unha poesía na que a confesión persoal adquire máis importancia.
EU SON A VOZ DO POBO
Eu son a voz do pobo,
que canta e rí con íl,
a voz que chora.

Eu son a voz do pobo
que berra e se ergue
e dí ó vento:
"Estamos pedindo...
Estamos a pedir
eternamente..."

Eu son a voz afogada
que reventa.
Son a arma que leva
ó mundo a súa protesta.

Eu son o camiño da verdá,
a concencia dos oprimidos.
Eu son a forza do espertar,
a voz que berra
dende a tebra.