A bendición da silva
pai colleu do pendello unha fouce e chamou polo neno:
- ¡Lourenzooo...! ¿Queres vir comigo a afeitar as silvas da Agra do Novío?

- ¡Vou papaie...!

O rapaz apareceu nun instante e xuntos, pai e fillo botaron a andar. Era tempo de Agosto, que xunto con xaneiro, son os mellores meses para cortar as silveiras coma tódolos anos viña facendo desde que tiña corpo e forza suficiente para manexar unha fouce. Ó cabo dun bo cacho, o pai parou para descansar e facer un cigarro. O rapaz que estivera mentres tanto apañando e comendo amoras preguntou:

- Oiu papá, nacen en todas partes e aínda que as corta dúas veces no ano sempre volven.

- Contaba o teu bisavó que hai moitos, moitísimos anos, cando naceu o Neno Xesús, gobernaba un rei chamado Herodes que tiña envexa del.

Pensaba que ese Neno lle ía quitar o mando. Pero como non sabía onde estaba, mandou matar a tódolos meniños menores dun ano.

Ós pais de Xesús avisounos un anxo do ceo e indicoulles que fuxisen co neno para outro país chamado Exipto. Eles así o fixeron, e montados María e o fillo nunha burra, e San Xosé a pé colleron camiño. Os soldados ían persegufndoos e faltáballes pouco para pillalos cando de frente tiñan unha enorme silveira que non os deixaba pasar. San Xosé estaba tristemente calado e María choraba. Os soldados achegábanse de présa e todo estaba perdido. O Neno ergueu os ollos, fitou prás silvas e a silveira abriuse deixando un carreiro xusto para que pasasen. Os soldados metéronse tamén pero as silvas cerraron outra vez encerellándoselles nos pés e non deixándoos andar. Foi así como salvaron Xosé, María e o Neno, e tamén a burra, da ferocidade daqueles guerreiros. O Neno, desde lonxe, virou a cabeza e bendeciu a silva dicindo:

- Será moi difícil acabar contigo, e aínda que te corten mil veces, sempre volverás a brotar.

Mini. Aprendido de neno no ambiente familiar