O San Xoán
noite do vintetrés ó vintecatro de xuño, en toda Galicia se celebra o San Xoán. É a noite máxica por excelencia. A nosa xente dependía da agricultura, e a agricultura ten moito que ver co astro chamado Sol.
A maior ou menor intensidade do Sol sobre a Terra produce as estacións do ano e dá a enerxía suficiente para que as plantas vivan. Hai un refrán que di:

"Val máis o que o Sol cría có que a auga doixa".

Pois ben, o San Xoán coincide co solsticio de verán. É o día máis longo do ano; a partires del o astro rei comeza a ir morrendo ata o Nadal, tempo no que chega a alumear con menos forza para volver a comezar a medrar.

Os labradores conservan desde miles de anos atrás costumes que fan desta noite unha das máis importantes do ano.

Os rapaces e os mozos xuntan leña para faceren unha gran fogueira que arderá toda a noite.¿É a representación do Sol? Eu creo que sí. Danzan arredor dela e saltan o lume para purificarse e librarse de meigallos e malas fadas.

"Sáltote lume de San Xoán,
para que non me trabe cadela nin can".

Ó mencer o gando pasa por riba das borrallas nun rito tamén purificador e protector de enferrnidades.

O orvallo desta noite ten propiedades medicinais na pel. Dise que os mozos e mozas emborcallábanse nos prados, espidos, ó raiar o día.

Tamén é un día de escorrentar as bruxas. En certas partes de Galicia botan sal na fogueira e os estalidos que produce dise que son as meigas ó arderen. Pois claro está, ademáis da fogueira que acostuman facer os mozos dunha mesma aldea ou barrio, cada casa acende a súa cacharela, case sempre na entrada para protexela de posibles males que poidan aconteceren durante o ano.

Outro xeito de gardar as casas de malas influencias é poñer herbas máxicas nas entradas. Póñense estalotes, tamén chamados cloques, bilicroques ou
sanxoáns, e cardos.

Déixanse a remollo en auga pétalos de rosas e outras flores e á mañá seguinte lávase a cara con esa auga, que posúe moitas virtudes para a pel.

Nunha casa da parroquia de Gaioso vivía unha familia que entre outros fiIlos tiña dúas mozas xa mozotas. Eran, ademáis de irmás, moi boas amigas e contábanse todo unha á outra. A noite de San Xoán do ano dezaoito deste século, decidiron adiviñar o seu porvir, e practicaron un dos ritos adiviñatorios desta noite.