O home namorado dunha meiga
ra un home ó que lle gustaba moito unha a moza. Levaban tempo xa de relacións e todo parecía irlles ben, pois ela tamén o quería moito. Falaron un día de se xuntar para viviren xuntos e díxolle
- Eu quería casar contigo, miña prenda. Xa levamos tempo xuntos e cada día que pasa, máis difícil se me fai vivir sen ti.
- Eu tamén. Xa quixera poder facelo. Pero non podo. Eu teño un impedimento.
- ¿Que impedimento hai?. Si nos queremos, nada hai no mundo que nolo poida privar.
- Debéracho ter falado antes, meu amor, pero non quería turbar tan felices sentimentos nin sequera ensombrecer esta felicidade que a vida nos deparou. Has saber que eu polas noites non son dona de min. Pesa sobre de min unha mala fada. Teño que dicirche que, en contra da miña vontade, eu son meiga.
- E daquela, ¿como faremos?.
- Pois, se me queres de tal xeito que non podes renunciar ó noso amor
- ¡Ben sabes que non!, mesmo pensalo faime dano
- ¡Nin eu!, coido que eu tampouco. Entonces poderemos intentalo..., poderemos casar igual, se ti queres, e cando chegue o día de termos un fillo ou unha filla, será a unha única oportunidade de desfacerme o feitizo.
- Eu farei o que faga falta.

- De acordo, meu rei. Terás unha ocasión pero tamén haberá que ter moito tino, porque despois de nacer ese noso neniño eu hei aparecer en forma de araña e heille querer picar ó noso neno recén nado. Entonces ti no medio do cuarto e de xeonllos, termando coa man un pao posto enriba da cabeza e verticalmente ó teu corpo, collerasme como a unha araña que colga da lámpada na punta do pao. Separarasme do noso filliño e cando me teñas na punta do pao recitarás estas palabras:

"Sube araña e baixa araña, mentres teu home, por ti agarda".

Despois de dicilo varias veces eu baixarei polo pao e quedarei quietiña. Ti debes picarme cunha agulla de ouro nunha pata, e con que faga sangue, xa me pasa a mala fada que eu teño e poderei adoitar unha imaxe normal, como son agora, e para sempre. Logo diso, xa nunca máis deixarei de ser muller do común para querérmonos sempre.

Contan que así o fixeron e que foron sempre moi felices. E que chegaron a ter unha familia modélica e moi traballadora.

Mero. Reelaboración do lendo contado por D. Notalio Conoso (de Os Muiños, Muxío).