Os desafíos da vella do encanto
esde moito tempo atrás se comentaba en toda a comarca que desapareceran misteriosamente un bo número de mozos. Eran contos de vellos. O misterio estaba situado no coto próximo á aldea de Choucellas.
Nesta mesma aldea viviu, hai algún tempo, unha muller que tiña tres fillos, dous mozos e unha rapazota, moi disposta ela.

Un día, o fillo máis novo montou na besta, chamou polo seu can, chamado León, e foi de caza ó monte. Chegado a un coto, saiulle ó camiño unha vella desdentada e fea que lle preguntou:
- ¿E logo para onde vas, meu rapaz?
- Pois vou de caza, señora.
- Bota unha pelexa comigo e verás como te deixo.-Dixo a vella.
- Non, non teño necesidade. Ademáis sería abusar da súa fraqueza, e non me agrada- respondeulle o rapaz.
- Bota unha pelexa, se es home, que senón non vales as orellas dun can vello.
A vella tanto insistiu que o rapaz, todo incomodado, aceptou. Total non lle faría falla nin mancala sequera e así deixaría de importunalo.
- Pero primeiro tes que atar o can.- Dixo a muller.
- Non teño con que.
- Toma un pelo da miña cabeza
O rapaz atou o can co cabelo e pelexaron. A vella tiña máis forza e lixeireza có rapaz e cando este se viu vencido berrou:
- ¡Arranca, León!
Pero antes de que o can fixese nada, a vella pronunciou estas palabras:

- ¡Non arranques, León, que os pelos da miña cabeza, de ferro son!.

O can quedouse, a vella venceuno e tragouno para o seu encanto.

Perto da noite, o cabalo e o can apareceron na casa sen o rapaz. Nai e irmáns preguntábanse todos preocupados onde quedaría,e que sería o que lle tería pasado.

De mañá cedo saiu o outro irmán buscalo e aconteceulle outro tanto.

Pola tarde estaban o cabalo e o can no curral da casa pero sen o xinete. Nai e filla choraban desconsoladamente e non se explicaban o que podería terlles sucedido.

Antes de se ver o sol, a mozota arreou o cabalo, chamou polo can e botouse a camiño na busca de seus irmáns.

Perto dunha fonte parou para beber e apareceulle unha muller que deitaba unha extraña luz e que lle preguntou a onde ía. A rapaza contoullo todo e a muller de luz falou así:

- No alto dese coto, váiseche aparecer unha vella fea e desdentada que che ha de insistir en que lle vaias unha liorta. Ti non aceptes ata que se enfade.
Mandarache atar o can cun cabelo da súa cabeza. Ti fai coma que o atas pero deixao ceibo. Vaslle a lea e cando te vexas apurada, chama polo can. Ó que a venzas ela desaparecerá e ti bota este novelo de fío de lá nun burato que se ha de formar no lugar da vella. E vaite con ben, miña criatura. Leva a miña protección. Eu sonche a Virxe María.

Antes de que a moza lle puidese dar as gracias, a muller de luz desapareceu. Gardou o fío no peto e botouse monte arriba. En chegando ó coto viu a vella que repetiu coma outras veces:

- Bota unha liorta comigo. Eu son forte e ti aínda non mandas en min.

- Si que mando en vostede, pero téñolle respecto e non quero porque lle podería facer moito mal- respondeu a moza.

E así seguiron ata que esta accedeu a loitar. Can do lle deu o pelo, a rapaza fixo coma que ataba pero no atou. Cando ía perdendo, a moza chamou polo can:

- ¡Arranca, León!

- ¡Non arranques, León; que os pelos da miña cabeza, de ferro son! - Apresurouse a dicir a vella.

Pero o can arrancou e deulle tres dentadas: unha na cara, outra na barriga e outra na testa, e a vella morreu dando un estalo de lume e aparecendo un grande burato no seu lugar.

A rapaza agarrou o fío e deixou caer o novelo polo burato abaixo. No momento apareceron os seus irmáns e moitos outros rapaces que estaban encantados.
Regresaron á casa e viviron felices e desde aquela nunca máis se volveu falar de ningunha desaparición nin cousa polo estilo.

Mini, reelaboración donha lenda recollida en Pardesoa, Terra de Montes, a Dorinda Bértalo Diez, por Elena Pérez Firvida